Squash

Marta Domínguez: "Sería un soño participar nuns Xogos Olímpicos"

Marta Domínguez (Vigo, 2001) vén de lograr a cuarta praza no Campionato de Europa de squash, un deporte no que debutou como profesional hai apenas un ano e no que xa accedeu a seis finais, dúas delas gañadas. A viguesa non ten teito e está chamada a facer historia neste deporte, no que xa é a número 69 do mundo.
A xogadora de squash viguesa Marta Domínguez, no Campionato de Europa de 2022. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A xogadora de squash viguesa Marta Domínguez, no Campionato de Europa de 2022. (Foto: Nós Diario)

—Con só 21 anos vén de ficar ás portas da medalla cun meritorio cuarto posto no Campionato de Europa de Squash. Está satisfeita co resultado?
Quedei moi contenta porque non agardaba en absoluto este resultado, xa que non ía como cabeza de serie e tiven que enfrontarme a xogadoras mellor situadas ca min no ranking [daquela figuraba no posto 72 do mundo, hoxe 69]. No primeiro tocoume coa número 44 [Cindy Merlo]; en cuartos, coa número 42 [Enora Villard], e en semifinais coa número 12 [Nele Gilis]. Cheguei ao campionato pensando que as favoritas eran elas, así que poder chegar ás semis foi un resultado soñado.

—Leva só dúas tempadas no circuíto mundial PSA e o seu balance semella inmellorábel: 25 vitorias en 33 partidos.
Hai xusto un ano empecei no circuíto mundial e penso que mellor non me podía ir. Grazas a iso puiden xogar o Mundial e o Europeo por equipos, e este ano tamén no individual [de Europa].

—E neste tempo alcanzou tamén seis finais, chegando a gañar dúas.
Si, sen dúbida foi un primeiro ano boísimo e espero seguir mellorando co paso do tempo, porque neste deporte a experiencia nótase moito. Os torneos clasifícanse en función dos premios que dan: os 3K dan 3.000 dólares, os 5K dan 5.000... E eu estou contenta porque nos 5K logrei chegar ás finais e nos 10K conseguín alcanzar os cuartos.

—Onde poderemos vela competir proximamente?
O 10 de setembro vou xogar no Canadá nun torneo ao que chego como unha das cabezas de serie e que será o maior dos que participei até o momento, un 20K. Tamén será a vez que me desprace máis lonxe e iso tamén me ilusiona. Cada campionato é sempre unha nova experiencia.

—A fin de contas iso tamén é importante, o feito de sumar experiencias, coñecer outras deportistas...
Sen dúbida. O que máis levo destes torneos é a oportunidade de xogar coas mellores do mundo e ver que non están tan lonxe de min o que nos distingue. É algo moi positivo e permite aprender moito e ver en que podo mellorar. Coñecer novas culturas e novas persoas é co que quedo de todas estas experiencias.

—Cales son os seus obxectivos de aquí ao remate do ano?
Vou participar aínda noutros catro torneos do circuíto mundial e logo virá a Copa de España, na que este ano espero poder conseguir o título, e tamén, xa en decembro, o Mundial por equipos no Cairo (Exipto). E coa selección galega temos a finais de setembro o Campionato de España de seleccións, veremos como vai a tempada.

—O squash estivo a piques de ser olímpico en París 2024, mais finalmente ficou fóra. Veremos algún día a Marta Domínguez competir nuns Xogos?
É o soño de calquera deportista, poder competir e convivir cos mellores do mundo en cada disciplina. Oxalá fose deporte olímpico nos Ánxeles 2028, eu aínda teño 21 anos, así que aínda podería chegar para participar nesta ou en futuras ocasións... Sería un auténtico soño.

Ademais, ser olímpico é unha enorme axuda para calquera deporte, xa que as federacións e o Estado reciben moitos máis cartos e as axudas para as deportistas son tamén maiores. Desde logo, sería unha gran noticia para o squash.

Un deporte que segue a medrar

O squash segue a ser un deporte minoritario na Galiza, mais grazas a profesionais como Marta Domínguez, hoxe no 'top 100' do mundo nun ranking encabezado por tres xogadoras exipcias, vai medrando en visibilidade.

Porén, a sombra do fútbol segue aí. "Por desgraza aquí todo é fútbol, nos informativos, nos cartos que se reparten... E ao final todos somos profesionais, os adestramentos son os mesmos e temos as mesmas rutinas. As xogadoras de squash coidámonos como as que máis, como moitas outras, e é triste que aquí, con tantas e tantos deportistas na elite e gañando campionatos mundiais, non haxa case recoñecemento dos méritos", lamenta.

Si se está a avanzar, matiza, mais a paso lento: "Oxalá gañemos visibilidade, porque nos deportes minoritarios é moito máis custoso. Falta moito traballo por diante".

Comentarios