Fútbol

As futbolistas convocan unha folga e paralizan o comezo da Liga F

A patronal négase a pagarlles nin un euro máis.
A galega Tere Abelleira é unha das grandes estrelas do flamante Real Madrid de fútbol . (Foto: @TeresaAbelleira).
photo_camera A galega Tere Abelleira é unha das grandes estrelas do flamante Real Madrid de fútbol . (Foto: @TeresaAbelleira).

Folga no fútbol feminino. As xogadoras din "basta" e anuncian un paro que se estenderá ao longo das dúas primeiras xornadas da Liga F, a máxima categoría a nivel estatal, e que tiñan previsto disputarse a segunda e a terceira fin de semana do presente mes de setembro.

A causa que aduciron nun comunicado emitido polo sindicato AFE (Asociación de Futbolistas Españois) foi a "imposibilidade de acadar un acordo satisfactoria coa patronal de cara ao novo convenio colectivo".

Desde a unión de profesionais defenden unha mellora das súas condicións, xa que os equipos que conforman a Liga F non queren subir nin un euro sobre os 16.000 anuais que viñen percibindo até o de agora, mentres os axentes sindicais que integran o banco social da negociación -a antedita AFE, Futbolistas ON, Futpro, UXT e CCOO- aspiran a duplicar esa cantidade en tres tempadas.

Mais non é o económico o único punto de fricción. Toda a experiencia do sucedido durante o 'Caso Rubiales' levou as xogadoras a reclamar melloras tamén en eidos como a conciliación ou a protección no relativo aos abusos sexuais e de poder.  

Así, anuncian que se non hai acordo iniciarán un paro entre as 0.00 horas do 8 de setembro e as 23.59 do día 10 que paralizaría a primeira xornada da Liga F, e outro unha fin de semana despois que impediría o normal desenvolvemento da segunda.

De la Fuente discúlpase pero non marcha

Escusas si, pero sen responsabilidades individuais. "Non teño que dimitir, teño que pedir perdón". As palabras non son de Luis Rubiales, senón do seu tocaio De la Fuente esta sexta feira, un home sen experiencia en clubs de elite que debe o seu posto á fronte da selección española de fútbol á súa relación co suspendido mandatario.

Comentarios