Aperta entre fútbol sala e cultura no Día das Letras

Marín acolle o 17 de maio a final da Copa Galiza.
A presentación da proba tivo lugar onte no consistorio. (Foto: RFGF).
photo_camera A presentación da proba tivo lugar onte no consistorio. (Foto: RFGF).

Momento de activar a conta atrás. O salón de plenos do Concello de Marín albergou esta cuarta feira a presentación oficial das dúas finais da Copa Galiza de fútbol sala, un evento que funde cultura e deporte e que se desenvolverá o vindeiro 17 de maio, Día Das Letras Galegas, no pavillón da Raña.

O consistorio marinense foi o espazo escollido para a posta de largo da competición cun acto no que estiveron presentes o vicepresidente da Real Federación Galega (RGFG) e máximo responsábel do fútbol sala na Galiza, Pablo Prieto; o vicepresidente da RFGF, José Manuel Fernández; e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, entre outros cargos públicos e diversos representantes dos catro clubs finalistas.

Neste ano 2022 o torneo alcanza a súa edición 30 na modalidade masculina, mentres que a feminina chega á 15. Precisamente esta última, programada para as 17 horas da tarde, abrirá a competición, enfrontándose o Ourense Envialia e o Poio Pescamar. Dúas horas e media despois, ás 19.30, loitarán polo título nacional O Parrulo Ferrol e Noia Portus Apostoli.

Na súa comparecencia, Pablo Prieto quixo destacar e agradecer "a implicación do Concello para poder acoller un evento como este", facendo posteriormente o propio co Club Deportivo La Peña, "que ten unha gran proxección".

Ademais, o vicepresidente da RFGF animou a toda a veciñanza de Marín e ás seguidoras e seguidores do fútbol sala a non perder "esta xornada única para o deporte galego".

Pola súa parte, María Ramallo salientou que "de novo" poi dan contar en Marín "cun espectáculo deportivo do máis alto nivel, especialmente tratándose de fútbol sala, que aquí, cos nosos equipos locais, ten unha gran canteira", afirmou a alcaldesa.

Os boletos, dispoñíbeis até o día dos partidos

Os boletos para ambos os partidos da Copa Galiza de fútbol sala xa están á venda. Xestionados polo club organizador, o CD La Peña, os boletos son únicos e permiten o acceso tanto á final feminina como á masculina. O público pode adquirilos na internet por un prezo de 10 euros para as persoas maiores de 13 anos e cinco para as que baixen desa idade, mentres que as crianzas de 0 a 3 entrarán de balde.

Comentarios