FÚTBOL GALEGO | Previa dos partidos do Lugo, Dépor, Rácing, Pontevedra e Celta B

O Mundial sobrecarga de fútbol a sempre intensa axenda deportiva, pero hai vida alén de Qatar, como demostran os numerosos partidos dos equipos galegos de elite esta fin de semana, con especial atención a un Lugo-Santander que os da cidade da Muralla están obrigados a gañar se non queren afundirse aínda máis no pozo do descenso. 
A escuadra galega impúxose no último duelo coa cántabra no Sardinero (13/6/2020) por 1-2, goles de El Hacen e Carlos Pita.
photo_camera A escuadra galega impúxose no último duelo coa cántabra no Sardinero (13/6/2020) por 1-2, goles de El Hacen e Carlos Pita.

O Rácing de Santander é un vello coñecido da afección galega, en especial do Deportivo, a quen deixou sen ascenso directo á Segunda División a pasada tempada. Pero tras subir o histórico conxunto cántabro pasou de ser cabeza de león a cola de rato, ocupando un posto na zona baixa da clasificación logo de sumar 18 puntos.

Non obstante, desde a óptica do Lugo o Rácing é un privilexiado, pois o decano da Segunda é antepenúltimo, con tres puntos menos que os verdibrancos, a quen aspiran a vencer mañá ás 16.15 horas na súa casa.

De conseguilo, Fran Justo sumaría o seu primeiro triunfo como técnico albivermello, meta que, como recoñece un dos seus homes de confianza, Juanpe Giménez, o colectivo afronta "con ilusión". "O partido será moi intenso, pois eles fan un xogo en ocasións moi similar ao noso, pero xogamos para gañar e sabemos o que temos que facer", indicou o centrocampista.

Derbi galego de necesidades entre Pontevedra e Rácing

O calendario da Primeira Federación depara esta xornada un derbi galego (Pasarón, mañá, 17 horas) entre un Pontevedra Club de Fútbol e un Rácing de Ferrol moi necesitados de sumar de tres en tres, os do Lérez para afastarse por fin do descenso e os Diaños Verdes para pór punto e final a unha xeira de catro partidos de Liga -máis un de Copa- sen coñecer a vitoria.

Unha hora máis tarde, ás 18, o Celta B saltará ao céspede de Balaídos para colisionar cun rival da zona morna da táboa, o Alxeciras. De gañar aos andaluces, o filial celeste recortaría distancia cuns postos de play-off aos que se reenganchou a pasada fin de semana un Deportivo que ten unha meta maior, o liderado que ostenta o Córdoba, do que o separan sete puntos que ten a posibilidade de converter en catro se gaña hoxe en Riazor (19 horas) ao sempre sólido combinado califa.

Para Alberto Quiles, o gran home-gol herculino, lonxe de considerar unha carga sobre os ombreiros a responsabilidade dun choque que de perdelo podería supor o adeus definitivo ás pretensións de ascenso directo, o do Córdoba é un deses duelos "que mola xogar". "Non hai ansiedade, sabemos que a presión a temos nós e estamos afeitos, sairemos desde o principio a gozar dun partido que será bonito", prognosticou o dianteiro.

O Deportivo feminino quere o liderado ante o Espanyol

A meta dos varóns deportivistas compártena as súas compañeiras do feminino branquiazul, pois o Dépor encara a undécima xornada da segunda categoría do fútbol estatal a tan só un punto do líder, Cacereño (21). Para conseguilo están obrigadas a conseguir un novo triunfo -que sería o sétimo da campaña- contra o Real Club Deportivo Espanyol nun partido programado ás 11 horas de mañá na Cidade Condal.

O Celta consulta coas socias ideas para o centenario 

O único galego en Primeira non xoga ningún partido, nin o fará até ben entrado o Nadal, concretamente o 30 de decembro ante o Sevilla ás 19.15 horas en Balaídos, un enfrontamento que a propia entidade olívica recoñece que non será "un máis", pois suporá "o pistoletazo de saída oficial a unha gran celebración, a do centenario".

Por iso, desde o Celta fixeron un chamamento vía correo electrónico a todos os socios e socias do club animándoas a "achegar propostas e ideas sobre o que debería pasar antes, durante e despois deste encontro".

A esta canle engadiuse tamén unha páxina web na que calquera "das persoas que fixeron que o equipo chegue a cumprir os seus 100 anos" pode facer "achegas", prometendo ademais que "todas serán tidas en conta para festexar que o Celta está a piques de facer lenda". 

Comentarios