Francia-Arxentina, unha final do Mundial sen claro favorito

O encontro será mañá domingo ás 16 horas da Galiza
Messi busca a súa primeira Copa; Mbappé, a segunda consecutiva. (Foto: EP).
photo_camera Messi busca a súa primeira Copa; Mbappé, a segunda consecutiva. (Foto: EP).

A Copa do Mundo máis polémica dos últimos tempos -ou o "Mundial da Vergoña", como tamén pasará á historia- ten á súa conclusión esta fin de semana cun insulso aperitivo en forma de partido para dilucidar o terceiro e cuarto posto entre Croacia e Marrocos (hoxe, 16 horas) que abrirá boca para o prato forte, a gran final que protagonizan Francia e a Arxentina mañá á mesma hora.

Sen un claro favorito -as londras do acuario de Bangkok, emulando a aquel polbo Paul que se fixera famoso cando Sudáfrica 2010,  apostaron onte pola albiceleste, pero quen subscribe estas liñas non foi quen de certificar o seu prestixio como pitonisas deportivas-, a finalísima qatarí será a derradeira oportunidade de Leo Messi para levantar a Copa do Mundo, mentres que a gran estrela gala, Kylian Mbappé, quere emular a Pelé levantando o seu segundo título consecutivo por vez primeira desde que o fixera O Rei hai 60 anos.

Con respecto aos equipos que saltarán ao céspede do Estadio de Lusail, Lionel Scaloni, salvo sorpresa, optará por 'Dibu' Martínez; Molina, Romero, Otamendi, Lisandro, Acuña; De Paul, Enzo Fernández, Mac Allister; Julián Álvarez e Messi. Por parte francesa, Deschamps formaría con Lloris, Koundé, Varane, Kanaté, Theo Hernández; Tcouaméni, Rabiot; Dembélé, Griezmann, Giroud e Mbappé.

O próximo Mundial de clubs terá 32 equipos

Unha das maiores críticas -dentro do terreo de xogo- a este Mundial foi o escaso nivel exhibido por algúns dos combinados participantes, algo que contrasta co espectáculo que se viu na pasada Eurocopa.

Trasladando isto ao eido dos clubs, a situación é similar, pois se xa agora o Mundial por equipos ten moito menos prestixio que a súa homóloga europea, a novidade anunciada onte polo presidente da FIFA promete baixar aínda máis a esixencia, pois Infantino asegurou que a partir do ano 2025 serán 32 os equipos que participen, cifra que multiplica os seis que integran a competición na actualidade. 

Non obstante, non todo son malas novas para os afeccionados e afeccionadas ao deporte rei, pois o organismo reitor do mesmo a nivel internacional tamén comunicou que procederá á creación de dous novos Mundiais femininos, a demandadísima Copa do Mundo de fútbol sala e outro Mundialito por clubs de fútbol 11.

Comentarios