Fútbol sala

A PREVIA | A figura de Jozi acapara a atención no derbi entre Burela e Ourense

A porteira brasileira será homenaxeada en Vista Alegre antes e despois do partido.
O papel de Jozi foi chave nos éxitos da escuadra da Mariña. (Foto: RFGF).
photo_camera O papel de Jozi foi chave nos éxitos da escuadra da Mariña. (Foto: RFGF).

A Primeira División de Fútbol Sala Feminino sempre é especial por ser a competición da máxima categoría estatal con máis peso dos equipos do país, seis sobre o total de 16 que integran a Liga, pero a xornada de hoxe conta ademais cunha carga emocional moi elevada.

O motivo é que no derbi galego  que abrirá a xornada 17 de torneo entre Pescados Rubén Burela e Ourense OnTime (Vista Alegre, 11 horas) dirá adeus a xogadora máis importante da escuadra da Mariña, Jozi de Oliveira.

A porteira vestirá por última vez a camiseta laranxa nun choque que non quixeron perder nin as cámaras de Teledeporte, que retransmitirá o evento, e para o cal o club fixo un chamamento á afección para ateigar as bancadas do pavillón, ofrecendo os boletos de modo completamente gratuíto como forma de recoñecemento á maior lenda do conxunto da Galiza máis galardoado da última década e anunciando, ademais, "un acto homenaxe na previa" e "algunha sorpresa" ao final do mesmo.

O seguinte compromiso con formacións galegas implicadas será o AE Les Corts-Poio Pescamar (UPC Campus Nord, Barcelona, 15.15 horas), onde as conserveiras intentarán recuperar a senda da vitoria logo da súa contundente derrota, precisamente, ante o Burela (1-5) o pasado sábado.

Viaxes Amarelle tamén xoga fóra da casa, concretamente sobre o parqué de Villafontana co Móstoles ás 16 horas, sabendo que un triunfo deixaría a salvación máis preto, meta que comparte cun Marín que recibirá na Raña ás 17 horas o Atlético Torcal, un rival directo, pois a diferenza entre un e outro -terceiro e cuarto pola cola, respectivamente-, e de só tres puntos. Por último, ás 19.30 horas O Castro fecha a décimo sétima data ligueira na súa casa cun dos grandes, o STV Roldán.

Comentarios