Fútbol sala

O adeus a un mito: Jozi marcha do Burela

A veterana porteira pon fin a 14 anos no club.
Foto de familia con Jozi (centro) arroupada polas súas compañeiras. (Foto: Pescados Rubén Burela).
photo_camera Foto de familia con Jozi (centro) arroupada polas súas compañeiras. (Foto: Pescados Rubén Burela).

Fin dunha era. En maio de 2022 entrevistábamos en Nós Diario a veterana gardameta Jozi de Oliveira, entón con 40 anos de idade, que non ocultaba a súa ilusión por "seguir xogando".

Agora, case dous anos máis tarde, a de Chapecó (Brasil) despídese dun Pescados Rubén Burela de fútbol sala que foi a súa casa durante 14 anos coa satisfacción de saber que a súa contribución foi decisiva para convertelo no xigante do fútbol sala que é hoxe.

"Con gran pesar", segundo recoñeceu o club nun comunicado, a "familia laranxa" despídese dunha porteira "que sempre será lenda en Burela". Porque cando Oliveira aterrou na Mariña, en xaneiro de 2010, o Pescados Rubén era tan só un debutante na máxima categoría que competía por primeira vez na División de Honra. 

A partir dese momento o pequeno club de fútbol sala, que a maiores contaba tan só cun equipo de categoría masculina en Segunda División, comeza a súa evolución de forma progresiva, gañando a Copa Galiza tanto ese mesmo ano como o seguinte, e conquistando os seus primeiros títulos a nivel estatal, a Liga e a e Copa da Raíña -aínda coñecida pola súa antiga denominación, Copa de España-  dous anos despois, na tempada 2012/2013. 

Con ela baixo os paus, Jozi e o Burela non pararon de aumentar o seu palmarés de forma paralela, chegando a conquistar os títulos de todas e cada unha das competicións nas que participaron -Liga, Copa de España e da Galiza, Supercopa- durante as campañas 2019/20 e 2022/23,  así até acumular un total de cinco Ligas, seis Copas da Raíña cinco Supercopas, seis Copas da Galiza e unha Futsal Women's European Champions.

A maiores, e alén de todos os éxitos deportivos, Jozi foi unha veciña máis de Burela durante estes case tres lustros, tornando "nunha persoa moi querida na vila e no club, sempre moi comprometida tanto cos e coas burelenses como coas deportistas da base, onde formou e animou a moitas nenas e nenos".

Nun pequeno vídeo publicado nas súas canles nas redes sociais, a porteira indicou que o derbi co Ourense do próximo sábado 20 de xaneiro (11 horas), "por circunstancias", será o seu "derradeiro partido en Vista Alegre", antes de "emprender novos camiños" que, todo apunta, estarán no fútbol transalpino. 

Comentarios