Fútbol sala

Ana Eliza substituirá Jozi na portería do Burela

A brasileira tratará de encher o oco deixado pola maior lenda na historia do club.
Ana Eliza, co vicepresidente Sáez. (Foto: Pescados Rubén).
photo_camera Ana Eliza, co vicepresidente Sáez. (Foto: Pescados Rubén).

Jozi de Oliveira xa ten substituta, se é que pode encherse o oco deixado pola maior lenda na historia do Pescados Rubén Burela, que mañá di adeus ao club despois de 14 anos defendendo as cores laranxas da escuadra da Mariña.

O seu nome é Ana Eliza Ribeiro de Oliveira, coñecida no mundiño como Ana Eliza, que comparte con Jozi, ademais da posición e un apelido, o feito de ser brasileira.

A ficha da meta de 23 anos de Minas Gerais xa era propiedade do Pescados Rubén, mais neste primeiro tramo de campionato xogaba en calidade de cedida no veciño Viaxes Amarelle da Coruña, de onde regresa "ilusionada" e con "ganas de aprender".

"O Burela é onde todas queren estar, porque é onde se atopan as mellores xogadoras e profesionais. Cando empecei a xogar ao fútbol sala vía os partidos da Primeira División española desde o Brasil e soñaba con xogar neste equipo, que para min foi sempre un referente", manifestou a ex de Zaragoza e Joventut D'Elx.

Pola súa parte, o presidente laranxa, Manuel Blanco, definiu Ana Eliza como "unha porteira nova e con proxección" que "loitará" con Caridad por ter minutos de xogo, algo que "non é fácil de conseguir" nun conxunto con xogadoras "de tanta calidade".

Comentarios