A Federación Galega de Baloncesto usará a tecnoloxía para estudar comportamentos indebidos dentro e fóra das pistas

Estrea da iniciativa 'Se protestas, non encestas'.
A tecnoloxía e os árbitros son os dous piares da proposta. (Foto: FGB).
photo_camera A tecnoloxía e os árbitros son os dous piares da proposta. (Foto: FGB).

A Federación Galega de Baloncesto (FGB) vén de lanzar unha campaña que leva por título 'Se protestas, non encestas', e que tivo o seu punto de partida a pasada fin de semana en todas as competicións organizadas polo ente federativo que contan con acta dixital.

O obxectivo desta iniciativa é, tal e como aclaran desde a FGB, contribuír á creación "dunha base de datos que torne en fonte de percepción sobre o nivel de conduta existente nos partidos de baloncesto", un deporte que aspiran a que destaque por desenvolverse en contextos "de máximo respecto e deportividade". 

Nesta primeira versión do programa 'Se protestas, non encestas', unha vez que finalice cada partido o soporte virtual recibirá os datos do mesmo e enviará unha mensaxe vía SMS aos árbitros e oficiais cunha ligazón para cumprimentar unha enquisa.

"Nesta solicitaráselles a valoración do nivel de conduta en diferentes áreas: banco, xogadores e público", engade a Federación Galega, que define o proceso como "moi sinxelo e áxil de cara a lograr un volume moi alto de datos que permita avaliar a situación no básquet".

"Esta suma de deporte, tecnoloxía e análise, pola que xa se teñen interesado máis federacións estatais no marco do baloncesto -revela a FGB-, permitiralle ao baloncesto galego coñecer mellor o nivel de tensión dos árbitros e protexer mellor a súa figura, como valedores principais da correcta e respectuosa práctica deportiva; xerar informes internos para os clubs; identificar, grazas á estatística, condutas non apropiadas nos pavillóns, en especial nos partidos de formación; e propor gañadores e gañadores nuns premios á deportividade e o fomento de valores: O Baloncesto Educa".

Canastras Contra o Cancro Infantil chega á Galiza

Sen deixar o deporte da pelota e o aro, un ano despois de que a iniciativa solidaria Canastras Contra o Cancro Infantil recadase máis de 34.000 euros só en Madrid -que foron doados á Fundación Unoentrecienmil, que colabora coas crianzas que sofren esta doenza- o proxecto chegará á Galiza en 2024.

Así, todos os equipos que o desexen poderán colaborar doando tantos euros como puntos se marquen nos partidos que se disputen no país entre os próximos días 10 e 0 11 de febreiro.

Comentarios