A selección galega de baloncesto medirá forzas contra o Real Madrid

Os 'vellos rockeiros' volven cunha meta solidaria
No Real Madrid de veteranos destacan nomes como os de Felipe Reyes ou Hernández Sonseca.
photo_camera No Real Madrid de veteranos destacan nomes como os de Felipe Reyes ou Hernández Sonseca.

A selección galega de baloncesto da categoría de veteranos volverá por unha boa causa nun partido contra nin máis nin menos que o Real Madrid.

O obxectivo detrás deste agardado regreso é contribuír a recadar fondos para a Fundación Diego González Rivas, unha entidade "comprometida coa promoción da saúde e o acceso á atención médica en todo o mundo que busca financiamento para construír unha unidade móbil destinada a realizar operacións de cirurxía minimamente invasiva en África", tal e como destaca a Federación Galega de Baloncesto (FGB).

A colisión entre as lendas do conxunto branco -que estarán dirixidas por Juan Antonio Corbalán e o galego Fernando Romai e no que destacan nomes como Edu Hernández Sonseca, o recentemente retirado Felipe Reyes, Lorenzo Sanz ou José Miguel Antúnez- e a Irmandiña terá lugar o 15 de decembro, sexta feira, ás 18 horas no Pazo dos Deportes de Riazor.

O encontro servirá como antesala do choque entre o Leyma Básquet Coruña e o Rioverde Clavijo correspondente á décimo terceira xornada da LEB Ouro.

Por parte da selección galega, os seleccionadores Moncho Gantes, Fernando Bodero, Pepe Casal, Rafa Reparaz e Tonecho Lorenzo elaboraron unha listaxe de 15 homes.

Desta forma, os convocados foron Koke Rama, Julio Jiménez, José Manuel Calvelo, Popocho Modrego, Sony Vázquez, Esteban Gómez, Miguel Piñeiro, Andrés Cadahía, Charlie Uzal, Pepe Conde, Lucho Fernández, Marcos Gato, Manolo Aller, Luis Montenegro e Manu Pereira.

Comentarios