O Europeo Absoluto de Bádminton agarda por dúas galegas

Participan Jacobo Fernández e Lucía Rodríguez.
Fernández debuta ás 9 horas de hoxe en Saarbrücken (Alemaña). (Foto: Club Bádminton Cíes).
photo_camera Fernández debuta ás 9 horas de hoxe en Saarbrücken (Alemaña). (Foto: Club Bádminton Cíes).

A localidade xermana de Saarbrücken, ao suroeste do país, acolle desde esta terza feira e até o próximo 14 de abril un Campionato de Europa de Bádminton da categoría absoluta no que a Galiza terá dupla representación entre o total das 222 deportistas que optarán a facerse coas distintas medallas da man de Jacobo Fernández e Lucía Rodríguez.

O primeiro debutará tan cedo como ás 9 horas da terza feira na pista dúas do Saarlandhalle Saarbrücken, nun choque enmarcado na modalidade dos dobres mixtos -onde estará acompañado pola madrileña Paula López- e que os e as afeccionadas poderán seguir ao vivo polo portal Badminton Europe TV.

Así, o dúo galego-madrileño colidirá coa parella serbia que forman Mihajlo Tomic e Andjela Vitman, actualmente no número 80 do ránking mundial, pero que hai apenas seis meses roldaban o posto 50. O seu mellor resultado histórico é o quinto posto que lograron nos Xogos Europeos de 2023, posición na que concluíron, máis recentemente, en marzo de 2024, nos Internacionais disputados en Polonia e Portugal.

O encontro será duro, pero á vez aberto. Se Jacobo Fernández e Paula López manteñen o nivel exhibido no último Máster de Madrid, as opcións para que a dupla galega leve a vitoria son reais, o que lles permitiría avanzar á seguinte rolda, o seu obxectivo para este Campionato de Europa no que o favoritismo recae sobre as danesas Christiansen e Boje e as galas Gicquel e Delrue, número 10 e 13 do mundo, respectivamente.

No referente a Lucía Rodríguez, a de Salvaterra de Miño, que en maio de 2022 colgaba do pescozo a medalla de ouro continental da categoría júnior, continúa coa súa evolución entre as 'maiores' dando o salto a unha absoluta na que estará acompañada no dobres feminino pola mesma Paula López que compite con Jacobo Fernández no mixto.

A súa estrea será fronte ás polacas Paulina Hankiewicz e Kornelia Marczak, e de superar ese obstáculo inicial volverán verse as caras coas irmás Gabriela e Stefani Stoeva, quen foron as súas verdugas no antedito Madrid Masters.

Con todo, un tropezo non suporía o adeus de Rodríguez ao Europeo, pois volverá saltar á pista do Saarlandhalle, esta vez con Rubén García no marco do dobres mixto, para desafiar a parella madre-fillo israelí de Misha e Svetlana Zilberman.

Comentarios