Catro deportistas galegas aspiran á medalla no Campionato de Europa Júnior de Bádminton

Lucía Rodríguez, Ania Setién e os irmáns Gabriel e Jacobo Fernández conforman a representación galega no Campionato de Europa Júnior de Bádminton, que comeza hoxe na localidade finesa de Lahti. O obxectivo? Evitar a Covid-19, que implica a expulsión da proba e, se pode ser, "tocar metal".
As catro representantes galegas no Europeo de bádminton (Foto: Federación Galega de Bádminton).
photo_camera As catro representantes galegas no Europeo de bádminton (Foto: Federación Galega de Bádminton).

2020 non está sendo un bo ano para as persoas soñadoras. Practicamente todo o mundo asistiu impotente á destrución desde os seus plans máis simples até os proxectos máis ilusorios. Por iso resulta tan gratificante ver como catro rapaces e rapazas galegas, a pesar de todo, están en disposición de facer realidade os seus soños, aínda que para conseguilo teñan que vivir unha odisea de corentenas e probas PCR e percorrer os máis de 4.000 quilómetros de distancia que separan Galiza da pequena pero coqueta cidade finlandesa de Lahti

Alí, terra natal de Jari Litmanen -aquel delicioso mediapunta finés que marabillou no Ajax coa súa milimétrica visión de xogo durante a década dos 90 e que tivo a mala sorte de verse sumido na irrelevancia do crepuscular Barcelona de Louis Van Gaal naquela Liga 99/2000 que gañou o Dépor- disputase desde hoxe o Campionato de Europa Júnior de Bádminton, un torneo no que competirán Lucía Rodríguez e Ania Setién, do Clube de Bádminton das Neves, e os irmáns Gabriel e Jacobo Fernández, do Clube do Mar de San Amaro.  

A competición está estruturada, como ben sendo habitual, nun programa por equipos, que se desenvolverá desde o día de hoxe e até o 3 de novembro, e noutro individual que comezará nada máis rematar o primeiro e que ten previsto prolongarse até o 8 do mes de novembro.

As catro representantes do país, entre as favoritas 

O nivel destas catro deportistas galegas -todas elas bolseiras no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra- leváronas a conseguir un fito histórico para o deporte do país mesmo antes do comezo do torneo, pois é a primeira vez que Galiza conta con cabezas de serie no Campionato de Europa Júnior de Bádminton.

Así, no cadro feminino Ania Setién será a cabeza de serie número catro, e no masculino Jacobo Fernández e o oitavo máximo favorito. Ademais, Gabriel e Lucía quedaron a tan só un posto de ser cabezas de serie nas súas respectivas categorías, pois tan só se recoñecen oito. 

Para Juan Fernández, secretario da Federación Galega de Bádminton, o soño sería "alcanzar as semifinais nalgunha das competicións por equipos e os cuartos de final no cadro individual", segundo recoñece a Nós Diario. De todos os modos, non quere pecar de optimismo e apostila que todo dependerá "de que o sorteo sexa benévolo".

Nun deporte que non se atopa entre os máis coñecidos para o gran público na Galiza, explica que as grandes favoritas son as deportistas de Dinamarca, Francia e Rusia, "as top de Europa". 

Como non podía ser doutro modo, a pandemia da Covid-19 tamén está a condicionar o desenvolvemento deste torneo, pois as participantes tiveron que chegar cunha PCR negativa de territorio galego, unha vez en Finlandia foilles practicada outra proba e, ademais, tiveron que pasar todo o tempo desde a súa chegada confinadas na habitación para evitar contaxios, pois a normativa é moi clara: un só positivo implica a expulsión de toda a expedición.

Optimismo e ilusión entre a representación galega: "Queremos chegar moi lonxe"

Nós Diario falou con Lucía Rodríguez e Ania Setién, deportistas do Club de Bádminton das Neves e dúas das catro integrantes da expedición galega que tomará parte no Campionato de Europa Júnior. A primeira considera que o máis importante é respectar as medidas sanitarias e ter "moito coidado, pois en caso de coller a Covid-19 non poderemos competir e teremos que estar 15 días confinadas nunha habitación en Finlandia". No tocante ás súas posibilidades sobre a pista, considera que o grupo que lles tocou en sorte, con Italia, Lituania e Serbia é "bastante asequíbel", o que a fai soñar "con gañar unha medalla".

Na mesma liña se expresa Ania Setién, que di querer "chegar moi lonxe", e lembra que levan preparándose para este torneo "desde o confinamento".

Comentarios