O eterno retorno da crise deportivista

A escuadra herculina supera a década de crise a todos os niveis.
O fracaso na final do 'play-off' ante o Albacete deixa o Deportivo, un verán máis, ante un futuro chego de incógnitas e incertezas.  (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O fracaso na final do 'play-off' ante o Albacete deixa o Deportivo, un verán máis, ante un futuro chego de incógnitas e incertezas. (Foto: RC Deportivo).

O Dépor non levanta cabeza. Unha vez máis -igual que naquel partido ante o Valencia en 2011 cando descendeu a Segunda División por primeira vez en 20 anos, na casa e ante un equipo que non se xogaba nada- o equipo fracasou no momento decisivo, neste caso na final do play-off de ascenso ante o Albacete e xogará, por terceiro ano consecutivo na categoría de bronce.

Algo ten que mudar. O lóxico é que o primeiro sexa, como sempre, o adestrador, algo que se debateu na reunión do Consello de Administración do Real Club Deportivo que se levou a cabo na xornada desta segunda feira.

E se o adeus de Borja Jiménez -salvo sorpresa maiúscula- semella cuestión de horas, con el collerán a estrada de saída da cidade herculina boa parte dos integrantes dun cadro de xogadores que fracasou no obxectivo de regresar á categoría de bronce.

Varios nomes rematan contrato, outros estaban en calidade de cedidos e outros tiñan acordos para continuar na Coruña en Segunda División, máis non na Primeira RFEF. Un dos casos máis dolorosos será o dos canteiráns que despuntaron esta tempada, comezando polo dianteiro Noel. Tras non asinar a súa renovación, o de Silleda podería seguir o camiño doutros tantos talentos do resto do Estado e incorporarse ao segundo equipo dun grande, neste caso o Real Madrid de Raúl González Blanco.

O partido do drama

Pese a que foi tan só a punta do iceberg que afundiu por segundo ano seguido o ambicioso proxecto de ascenso deportivista, o partido contra o Albacete Balompié foi perfectamente representativo de todos os males que padeceu o Dépor esta tempada.

O primeiro foi a falta de ambición. O equipo conseguiu adiantarse a través de Mario Soriano no minuto 26, pero lonxe de ir buscar o segundo tanto para sentenciar o partido, e polo tanto o ascenso, o bloque actuou consecuentemente coa forma de entender o fútbol do seu responsábel técnico, un Borja Jiménez que adoita pecar de conservador.

Nesta ocasión, no pecado tivo a penitencia, pois no 82 empatou Alberto e, co equipo roto fisica e moralmente, no 113 Jordi Sánchez matou o partido e os soños de ducias de miles de deportivistas.

O Rácing terá equipo feminino

Non todo son malas novas. O Rácing Club de Ferrol fixo público no día de onte que os Diaños Verdes terán unha estrutura feminina tan cedo como na inminente tempada 2022/23.

Segundo explicaron desde a escuadra departamental "todas aquelas xogadoras interesadas en formar parte do equipo, deberán enviar un correo electrónico ao club co seu nome e data de nacemento, así como cun teléfono de contacto", engadindo ademais que todas as futbolistas deben ser "nacidas no 2009 ou antes".

Esta non é a primeira vez que o Rácing de Ferrol conta cunha división feminina, pois durante moitos anos contou cun equipo de fútbol 8 que militaba nunha liga comarcal de 18 clubs, até que no verán do ano 2019 saltou ao fútbol 11. Lamentabelmente, a súa experiencia foi breve, algo que agardan corrixir con esta nova aventura.

Outro reto, aínda que neste caso na Coruña, é o que podería protagonizar Irene Ferreras, pois a ex asistente de Toril no Real Madrid ten todos os boletos para ser a nova ocupante do banco branquiazul.

Comentarios