As estrelas do atletismo galego rétanse no Campionato da Galiza

As olímpicas Toimil e Iglesias, principais atraccións
Concluída a tempada de pista cuberta, a de Mugardos quere seguir medrando ao aire libre.
photo_camera Concluída a tempada de pista cuberta, a de Mugardos quere seguir medrando ao aire libre.

Pode parecer que todo o que acontece hoxe en Compostela xira arredor dun certame musical do que non imos facer publicidade dando o seu nome nestas liñas por ser Nós Diario o único medio excluído da súa publicidade, pero nada máis lonxe da realidade.

Porque a capital galega tamén acolle o Campionato da Galiza de Atletismo ao Aire Libre nas categorías absoluta e Sub-23, así como o Galego de Probas Combinadas nas súas modalidades sénior, Sub-23 e Sub-20.

Isto significa que a meirande parte das estrelas da pista, pero non na de baile, senón no tartán, protagonizarán unha exhibición nas instalacións que a Universidade de Santiago de Compostela ten na cidade.

Entre elas brilla con luz propia a plusmarquista estatal e atleta olímpica Belén Toimil, que estará lanzando no concurso de peso a partir das 17.05 horas da tarde. Outro nome propio, neste caso no sector da velocidade, será o da dúas veces medallista paralímpica Adi Iglesias. A do Lucus Caixa Rural estará tomando parte nas probas dos 100 e os 200 metros lisos, nas que se prevé un intensísimo duelo entre ela e a tamén internacional e actual plusmarquista nacional do hectómetro, Ainhoa Reparaz (Val Miñor). 

Os 400 serán unha das máis igualadas, con catro atletas por debaixo dos 57 segundos e un ránking que encabeza a medallista de bronce no Galego de pista cuberta, Eugenia Gil (Ximnástica de Pontevedra).

Avanzando ao medio fondo, a subcampioa galega de pista cuberta, María Carballido (Grupompleo Pamplona), parte como favorita sobre a distancia dos 800 metros.

Xela Martínez... campioa absoluta con 17 anos?

Unha das sensacións do momento, a internacional e campioa de España Sub-18 de campo a través, Xela Martínez (Atlética Lucense), opta a un triunfo absoluto nos 1.500 metros nos que terá a súa rival máis importante na figura de Laura Santos (Castellón).

Cambiando aos 100 valos, Uxía Pereira, de regreso da súa estadía nos Estados Unidos, quere subir ao máis alto do podio, meta tamén cobizada por Zoe Cardín (Celta) e Patricie Viadel (Santiago) nos obstáculos.

Nos concursos de saltos estarán presentes as internacionais Alba Cuns en triplo, Olaia Gisela Becerril en lonxitude, Emma Sihuang en altura e Lisa Vosberg en pértega, quen contan con todas as papeletas para rematar no primeiro posto.

Por último, a presenza de Antía Chamosa na proba dos 5.000 marcha será outro dos grandes atractivos do campionato. A medallista de bronce europea Sub-23 acude a esta cita nun excelente estado de forma, polo que non é descartábel que poida mellorar os 21.16.57 que desde hai dous meses fan dela a recordwoman da distancia. 

Moita igualdade na modalidade masculina

No referente aos homes, a igualdade será a característica predominante na meirande parte das categorías, sendo o exemplo máis destacado o da proba raíña, os 100 metros, na que optan ao triunfo final Javier García (Celta), Adrián Pérez e o actual plusmarquista, Mauro Triana.

Noutra das carreiras estrela, os 1.500 metros, Pablo Bocelo e Carlos Porto, ambos da Ximnástica, competirán pola primeira posición, mentres que nos 5.000 semella máis clara a vitoria do vixente campión, un Esteban Iglesia que promete facer valer a súa marca de 14.29.03.

Comentarios