Opinión

O Son do Camiño da exclusión

[Xoán Costa]

É a terceira vez -recebemos estes días a confirmación- que a Secretaría Xeral de Medios nega a Nós Diario a condición de tal. Sermos Galiza S.A. ten recorrido e denunciado outras tantas veces ese erro de lectura, interesado e revirado, que considera a palabra “diario” un adxectivo en vez do que realmente é, un substantivo sinónimo de “periódico”.

Mais se o comentado anteriormente podía estar sometido a interpretación torticeira, o acontecido coa publicación da promoción do festival O Son do Camiño, con 2.500.000 euros de diñeiro público en xogo, é moitísimo peor.  Nós Diario e Sermos Galiza fican excluídos da publicidade dese festival, aparecendo outros medios –non cuestionamos a súa presenza– con menor proxección e audiencia. Desde Sermos Galiza S.A. lamentamos esta nova resolución da Xunta.

É evidente que ten como pretensión privarnos das axudas públicas, en calquera formato, a que temos dereito, mais tamén, e sobre todo, atacar un modelo xornalístico que só se debe aos intereses galegos. A Secretaría Xeral de Medios e a Axencia Turismo da Galiza dependen organicamente da Presidencia da Xunta e as decisións que estas entidades toman non son descoñecidas polo presidente.

O negacionismo de Rueda vai camiño de superar o de Feixoo. E iso no mes en que a Lei de Normalización Lingüística chega aos 40 anos.

Comentarios