Escotet di "non" aos cartos de Tebas e o fondo CVC se o Dépor ascende

O acordo denunciárono Barça, Madrid e Athletic
Juan Carlos Escotet, en primeiro plano, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Abanca)
photo_camera Juan Carlos Escotet, en primeiro plano, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Abanca)

O pasado mes de decembro de 2021 os 42 clubs que integran a asemblea de Liga de Fútbol Profesional (LFP) -entre eles Real Club Celta e Club Deportivo Lugo- aprobaron cos únicos votos en contra de Real Madrid, Barcelona, Athletic e Ibiza e a abstención do Real Oviedo o acordo que ligará a competición co fondo británico CVC durante 50 anos, tempo no que este percibirá 8,2% dos ingresos do negocio comercial e tecnolóxico e 11% dos dereitos audiovisuais a cambio de 1.994 millóns de euros a repartir entre uns clubs que están obrigados a investilos en infraestruturas e desenvolvemento estratéxico e de marca (70% do total), pagar débedas financeiras (15%) e fichaxes e pago de salarios (o 15% restante).

Debido a que milita na terceira categoría, a primeira RFEF, o Real Club Deportivo non tivo nin voz nin voto neste acordo xa denunciado civilmente ante a Xustiza por Real Madrid, Barcelona e Athletic por considerar "que vulnera os principios máis elementais do dereito deportivo e os propios estatutos da Liga" e que non é máis que unha transacción ilegal que causará un prexuízo irreparábel a todo o fútbol".

Non obstante, e ante a nada descartábel posibilidade dun regreso branquiazul este verán ao fútbol profesional, Juan Carlos Escotet -presidente de Abanca, entidade que controla a maioría das accións do conxunto coruñés-, sinalou que "non hai ningunha pretensión de usar esa oferta que fai a Liga".

A pesar de que manifestou que "a xestión profesional" do Deportivo sería quen debería pronunciarse sobre esta cuestión, enumerou distintas razóns para xustificar ese "non" apuntando que a entidade branquiazul "traballa cunha liña estratéxica e de profesionalización marcada polo máximo rigor orzamentario".

Comentarios