Cinco equipos galegos entran en xogo na Copa

O Coruxo deu a cara ante o Málaga, pero caeu eliminado da Copa do Rei no Vao logo de perder 0-4 cos andaluces. Mañá é a quenda do resto de equipos galegos, comezando polo Dépor-El Ejido (ás 17 horas) e seguindo polo Ibiza-Compos e o Ribadumia-Cádiz (ambos ás 19 horas); o Pontevedra-Cartagena (ás 20) e o Llanera-Celta (ás 21 horas). 
O Ribadumia afronta ante o Cádiz a cita máis importante de toda a súa historia. (Foto: CD Ribadumia).
photo_camera O Ribadumia afronta ante o Cádiz a cita máis importante de toda a súa historia. (Foto: CD Ribadumia).

Despois da vitoria na primeira rolda da Copa do Rei do Lugo ante o Pulpileño (1-2) e da derrota do Ourense Clube de Fútbol por só 0-1 co poderoso Leganés na pasada terza feira, hoxe foi a quenda do Coruxo, que caeu no Vao co Málaga nun partido no que os galegos fixeron un mellor encontro do que denota o resultado final de 0-4.

En medio dun campo cheo de lama, que retrotraía a outras épocas máis puras do fútbol, o internacional portugués Orlando Sá subía o 0-1 ao marcador xa no minuto 17, logo dunha indecisión do gardameta galego, mais os de Vigo apertaron os puños e a piques estiveron de empatar o choque. Por desgraza, cando mellor estaba o Coruxo chegou o 0-2 dos andaluces (minuto 66), que rachou definitivamente o partido. Non tardaría nin dez minutos  en chegar, da man de Rahmani, o 0-3 , transformando o cuarto e definitivo tanto a prol do Málaga Caye Quintana xa no 92.

O Dépor abre a xornada copeira de hoxe

Ás 17 horas de mañá o Deportivo abre a xornada copeira para os equipos galegos que restan por competir nun choque ante El Ejido. O que en principio non debería pasar dun encontro de mínima transcendencia ante un rival menor conta agora co morbo engadido creado a raíz da derrota dos branquiazuis co filial do Celta a pasada fin de semana.

Se nun primeiro momento Fernando Vázquez sinalou que a Copa do Rei non era para el máis que un "paripé" no que os seus xogadores non debían de malgastar forzas, a convulsión creada a raíz do tropezo co Celta B levouno a reconsiderar a súa postura, e agora ve a Copa como "unha oportunidade de mellorar a situación anímica, para reanimar non só o equipo, senón tamén a afección".

Un triunfo coruñés tamén sería un fermoso modo de homenaxear Jorge García Santos 'Parrocho', gardameta herculino durante 14 anos nas décadas dos 70 e nos 80 que disputou 323 encontros coa camisola branquiazul, incluídos 33 na anterior etapa do clube na Segunda División B, na tempada 1980/81.

Nada máis rematar o Dépor-El Ejido está previsto que comecen tanto o Ibiza-Compostela como o Ribadumia-Cádiz. Os da capital enfróntanse a un conxunto que domina con puño de ferro o subgrupo B do grupo 3 da segunda división, sumando seis vitorias e dous empates nos oito primeiros partidos de liga. Pola súa banda, o Ribadumia de Terceira División recibe no campo da Senra a un Cádiz que está considerado como a gran revelación da máxima categoría, a pesar de que vén de caer por goleada ante o Celta en Balaídos.

Unha hora máis tarde de que comezen estes dous encontros, ás 20 horas, o Pontevedra recibe en Pasarón o Cartagena. Os murcianos ocupan a décimo sexta posición na táboa e son favoritos sobre o papel, mais os granates contan con dous importantes puntos ao seu favor: as 500 afeccionadas que animarán desde as bancadas e a presenza sobre o céspede do astro brasileiro Charles Días.

Finalmente, o Celta fecha a xornada copeira galega ás 21 horas no Pepe Quimarán, fogar do conxunto asturiano Unión Deportiva Llanera. Agárdase que o Chacho Coudet opte por un once moi diferente ao que nos ten acostumados desde o seu debut como técnico celeste, dando entrada desde o inicio a xogadores como Iván Villar, Fran Beltrán, Fontán ou Baeza.

Mouriño, denunciado

A actualidade do Celta non se cingue ao eido estritamente deportivo, pois a Comunidade de Montes de Tameiga anunciou unha querela contra o presidente  Carlos Mouriño pola nova cidade deportiva de Mos, na que din "produciuse unha groseira desviación das obras executadas respecto da licenza da que pretenden ampararse". 

Comentarios