A empresa de Andrés Iniesta compra a licenza do Israel-Premier Tech
A formación ciclista, cuestionada polo seu vínculo co Estado de Israel e obxecto de numersoas mobilizacións, as últimas no marco da Volta ciclista, pasará a chamarse NSN Cycling Team, correrá baixo bandeira suíza e terá sede operativa en Catalunya.
A empresa de eventos deportivos e musicais NSN —fundada polo ex futbolista Andrés Iniesta— anunciou a compra da licenza WorldTour, materiais, vehículos e contratos do equipo Israel-Premier Tech, unha formación fortemente contestada nos últimos anos polo apoio institucional e económico que recibiu do Estado de Israel. O traspaso chega meses despois das masivas mobilizacións propalestinas durante a pasada Volta ciclista, que chegaron a impedir o remate de varias etapas e que a carreira culminase en Madrid, situando o equipo no centro da polémica internacional.
A compañía de Iniesta, Never Say Never (NSN), confirmou que o equipo competirá co nome NSN Cycling Team, manterá o staff técnico ao completo e terá sede operativa en Catalunya, aínda que competirá baixo bandeira suíza. A operación conta co apoio financeiro do fondo catalán-suízo Stoneweg, que entra no accionariado da empresa e que permitirá ao proxecto manterse no máis alto nivel do ciclismo profesional.
O final do proxecto do magnate Sylvan Adams
A compra pon punto final á etapa do magnate canadense-israelí Sylvan Adams, impulsor dun equipo concibido como instrumento de propaganda do Estado de Israel. A formación viña acumulando anos de rexeitamento en competicións internacionais e converteuse nun dos símbolos da protesta pública contra o xenocidio en Gaza, até o punto de que a última Volta ciclista, marcada por continuos bloqueos e intervencións cidadás, non puido concluír no seu lugar previsto en Madrid.
Segundo fontes do sector, a operación non supón un investimento extraordinariamente alto, máis aló de asumir os compromisos contractuais do antigo propietario, que buscaba desprenderse dun equipo cada vez máis cuestionado e difícil de xestionar.
Cambio de cara
O NSN Cycling Team contará cun líder renovado: o eritreo Biniam Girmay, unha das figuras emerxentes do pelotón internacional. Pola contra, o catro veces gañador do Tour, Chris Froome, non renovará contrato, o que previsibelmente suporá a súa retirada xa superados os 40 anos.
Ademais, nin o patrocinador canadense Premier Tech nin a marca británica de bicicletas Factor continuarán no proxecto. A estrutura manterá como director xeral ao ex ciclista finlandés Kjell Carlström, mentres que o presidente de NSN, Joan Borràs, asumirá a coordinación empresarial.
Un equipo catalán no Tour de Francia
Un dos efectos máis simbólicos da operación é que un equipo radicado en Catalunya tomará a saída do Tour de Francia de 2026, cuxa Grand Départ será en Barcelona. A entrada de NSN reforza así unha tendencia crecente no ciclismo internacional: os patrocinadores convertidos en propietarios directos das estruturas deportivas, como ocorre xa con Lidl ou Decathlon.

