Inician unha campaña para recadar fondos ante posíbeis multas polas protestas contra Israel na Volta ciclista
Oito persoas foron detidas no Corgo e outras dúas en Monforte, ás que se suman tres identificadas.
A Plataforma Lugo por Palestina iniciou unha campaña para recadar fondos ante as multas que prevén para as oito persoas detidas nas protestas no Corgo (comarca de Lugo) contra a presenza do equipo Israel-Premier Tech na Volta ciclista o pasado mes de setembro.
Nun comunicado, sinalaron que as persoas detidas foron chamadas a declarar o próximo mes de decembro por un delito de desorde pública, polo que, segundo trasladaron, abriráselles expediente administrativo e Comisión Antiviolencia solicita multas de entre 3.000 e 5.000 euros por persoa.
Así mesmo, neste comunicado lembraron que a estas oito persoas detidas no Corgo súmanse outras dúas na etapa de Monforte (Terra de Lemos), así como outras tres que foron identificadas. En total, 13 persoas na provincia de Lugo para as que demandan a absolución.
Ademais, denunciaron a "falta de coherencia" do Goberno estatal, que "publicamente mostrou o seu apoio ás protestas" á vez que "criminaliza".
Por todo iso, fixeron un chamamento para poder afrontar as multas propostas, así como os gastos xudiciais previstos, para o que facilitaron unha conta en Caixa Rural Galega (ES60 3070 0032 9764 4952 6927). No caso de que a cantidade recadada supere o necesario, aseguraron que se comprometen a doar o restante á causa palestina.
