Elxe e Oviedo, primeiros rivais no regreso do Rácing á Segunda

Ambos os partidos serán en campo contrario
O debut será a fin de semana dos días 12 ou 13 de agosto. (Foto: Rácing de Ferrol).
photo_camera O debut será a fin de semana dos días 12 ou 13 de agosto. (Foto: Rácing de Ferrol).

O Rácing de Ferrol xa coñece o calendario da súa tempada de regreso á Segunda División tras 15 anos de ausencia, logo do sorteo levado a cabo na sede da Real Federación Española de Fútbol nas Rozas (Madrid).

A sorte quixo que na estrea da categoría de prata 2023/24, que terá lugar na fin de semana dos días 12 e 13 de agosto, os Diaños Verdes visiten o Martínez Valero, terreo onde xoga como local un dos conxuntos que acaban de descender da Primeira División.

Unha semana máis tarde afrontará outro compromiso lonxe da Galiza, concretamente no Tartiere contra un Real Oviedo que concluíu o pasado campionato na oitava posición.

Finalmente, a estrea da escuadra departamental ante o seu público será na terceira xornada, concretamente a última fin de semana de agosto.

Aí recibirá na Malata un Sporting de Xixón que coa súa Mareona promete tinxir de branco e vermello as bancadas e encher de vida -e cartos- as rúas e locais hostaleiros de Ferrol... no caso de que estean resoltas a tempo unhas deficiencias na Malata que, a día de hoxe, obrigarían ao Rácing a xogar ese importante partido lonxe da súa casa e, polo tanto, a dicir adeus a ese maná de euros asturianos.

Despedidas no Lugo e no filial do Celta

Movementos entre o cadro de xogadores no seo de dous dos representantes galegos na Primeira Federación. Así, o Lugo vén de facer público o adeus do catalán Marc Carbó, un dos poucos xogadores con contrato en vigor na escuadra albivermella, logo de rescindir o seu contrato "de mutuo acordo".

No caso do Celta B, o club revelou que dous dos seus maiores talentos, Iker Losada e Sergio Barcia, deixan o filial logo de rematar o seu contrato e non chegar a un acordo para a renovación de ambas as promesas. 

Comentarios