O Obradoiro, a dar a sorpresa hoxe no pavillón do Barcelona

Os da capital tratarán de asaltar o Palau Blaugrana a partir das 12.30 horas.
A intensidade de Moncho Fernández e os seus homes será chave. (Foto: Europa Press).
photo_camera A intensidade de Moncho Fernández e os seus homes será chave. (Foto: Europa Press).

O Monbus Obradoiro, antepenúltimo clasificado da Liga ACB con seis vitorias en 18 partidos disputados, afronta mañá ás 12.30 horas o inmenso desafío de tratar de superar o Fútbol Club Barcelona no fortín do Palau Blaugrana.

Os cataláns, segundos na táboa con tan só tres derrotas en 16 encontros, son claros favoritos, tal e como recoñeceu o propio técnico do conxunto galego, Moncho Fernández: "Se queremos gañar teremos que facer moitas cousas ben, tanto no aspecto ofensivo como no defensivo, pois eles non son unicamente un gran equipo desde o punto de vista do ataque pola calidade individual e colectiva dos seus homes, senón que defensivamente son dos bloques que mellor defenden na media pista de toda a Liga. Por iso non só imos ter que estar ben na defensa para frear o seu caudal anotador, senón tamén temos que ser capaces de encestar".

Preguntado por se no cadro de xogadores blaugrana hai profesionais "secundarios", o preparador galego destacou que pensa que "non", pois "a filosofía do seu adestrador é repartir moitos minutos entre todos os xogadores". "O que máis xoga faino 23 minutos, e o que menos 17. Son moitos e moi novos, pois Saras [Jasikevičius] é consciente de que ten que facelo para aguantar un ritmo de competición tan intenso que inclúe Euroliga e Liga Endesa, ademais dos cambios no calendario que provoca a Covid e que fai que ás veces teñan que xogar máis partidos en menos días", engadiu Moncho Fernández.

Xa centrado nos seus propios homes, afirmou que tratará este choque "como calquera outro". "Somos quen de ser competitivos contra estes equipos de máximo nivel, cun potencial enorme, líderes en Euroliga, pero non inalcanzábeis, pois son partidos especiais e de alta motivación".

Parada na elite do  baloncesto feminino

Con respecto a Baxi Ferrol e Durán Maquinaria Ensino de Lugo, os representantes da Galiza na máxima categoría do baloncesto feminino estatal, ambas as escuadras descansarán esta fin de semana e volverán á acción no caso do conxunto lucense o 17 de febreiro ante Spar Gran Canaria e no da Cidade Departamental fronte Tenerife un día antes, o 16. 

Comentarios