Diploma olímpico para Antía Jácome e Carlos Arévalo nos Xogos de Toquio

Amos os dous deportistas remataron quintos nas súas finais de piragüismo.
Antía Jácome (Foto: RTVE).
photo_camera Antía Jácome (Foto: RTVE).

A pontevedresa Antía Jácome quedou ás portas de sumar unha nova medalla para Galiza nos Xogos Olímpicos de Toquio. Meteuse na final A do C1 200 e acadou un diploma tras finalizar no quinto posto a menos de dúas décimas da medalla olímpica.

Na súa estrea nun Xogos Olímpicos, Jácome competiu polo carreiro lateral e entrou cun tempo de 47.226, moi perto da ucraína Luzan, que levou o bronce. Por baixo dos 47 segundos entraron Harrison e Vincent-Lapointe, ouro e prata na final do C1 200.

Quinto no K1 200

No K1 200, o betanceiro Carlos Arévalo rubricou outro quinto posto a só 0.189 centésimas da medalla de bronce, cun tempo de 35.391 que lle valeu un novo diploma para o deporte galego.

Agora tócalle preparase para a proba do K4 500 que se disputará este sábado e que compartirá co tamé galego Rodrigo Germade, entre os favoritos para facerse co ouro.

Até o momento, o deporte galego suma os éxitos en Toquio 2020 de Ana Peleteiro, Teresa Portela, Nico Rodríguez e Adrián Ben.

Comentarios