Dez cousas a conta de #onosoderbi que non está de máis saber

Volve o partido de máxima rivalidade futbolística do noso país. Esteas agardando con paixón por el ou ben sexas dos que lle importa máis ben pouco, aquí tes algúns datos, lerias, curiosidades e anécdotas sobre estes 87 anos de rivalidade no campo de xogo. Bo proveito!

derbi

Deportivo da Coruña e Celta de Vigo volven enfrontarse en #onosoderbi (sábado, 22:05. TVE). Un 'Celta-Coruña' como dirían os seareiros celestes da vella escola ou un 'Dépor-Vigo' como o cualificarían os afeccionados branquiazuis. Nada a sorprender, simplemente cada unha das bancadas quer enfatizar o seu equipo como o reperesentante xenuino e único de Galiza e reducir o rival a simple comisionado da súa cidade, sen máis. Como dirían os vellos, “bueno, que todos os males sexan eses”.

1) Pero cantas veces vivimos isto?

Pois nun total de 110 ocasións. Esa é a cifra de partidos que desputaron Celta e Deportivo, dos cales 64 decorreron en Primeira división, 44 en Segunda e 2 en Segunda B. No cómputo global, os celestes gañaron 43 deses 110 encontros e os branquiazuis, 41; rexistrándose 26 empates.

O primeiro #onosoderbi xogouse na tempada 1928/29, en Segunda división, e culminou con vitoria deportivista por 4 goles a 2. O último, até o de agora, foi na temporada pasada (2014/15) e tivo triunfo celeste, por 0 a 2.

2) Goles para dar e tomar

Se ben os resultados máis repetidos nos derbis entre Celta e Depor son os empates a 1 gol e empates a 0, na historia destes partidos de máxima rivalidade tamén se rexistraron resultados moito máis abultados, deses que sentan como unha patada no estómago a quen os recibe.

A maior goleada recibida polo Dépor no derbi co Celta foi 13-0 (1928). A encaixada polo Celta a mans dos deportivistas, 7-2 (1934)

A maior goleada rexistrada en #onosoderbi foi o 2 de decembro de 1928 nun enfrontamento en Rexional: o Celta impúxose por 13 tantos a 0. Os deportivistas tamén meteron goleadas aos celestes, como o 7 a 2 que infrinxiron en 1934, nun enfontamento que decorreu en Segunda división.

De nos cinxir aos derbis en Primeira división, o Celta logrou o seu maior triunfo sobre o Dépor en 1952, ao se impor por 6 goles a 1. No peto de Dépor hai dúas 'manitas' (5-0) aos celtistas. Unha en 1956 e outra en 2004.

3) Quen pode falar con máis autoridade de #onosoderbi?

De facer boa a sentencia popular presente en debates e discusións a pé de taberna, peirao ou rúa (“que fale X, que estaba alí”), quen podería aquí falar con máis autoridade? Pois pola parte deportivista, Fran, 'O Neno', que desputou até en 21 ocasións o partido de máxima rivalidade do fúbol galego. Polo Celta, Villar, que viviu sobre o campo este enfrontamento en 12 ocasións.

4) As armadas irreductíbeis que se estenden polo planeta

Hai por volta de 120 peñas do Celta e máis de 150 do Deportivo. Hai peñas por todas as comarcas do país e tamén alén do Padornelo. En non poucos concellos galegos (de Viveiro a Rianxo, pasando por Vilalba, Compostela, Vilagarcía...) conviven peñas celtistas e deportivistas. Nalgún caso, mesmo na mesma vila e con idéntico nome (en Rianxo: peña celtista 'A Rianxeira' e peña deportivista 'A Rianxeira). Co mesmo nome, mais xa non no mesmo lugar, hai varias: 'Centolos' e 'Fernando Vázquez', por poñer dous exemplos.

Hai peñas do Celta e do Dépor en Estados Unidos, Reino Unido, México, Venezuela ou Suiza

Hai asociacións de seareiros do Celta e Dépor en Euskal-Herria, Catalunya, Madrid... Mais tamén en Estados Unidos, México, Venezuela, Reino Unido ou Suíza hai armadas de afeccionados para seguir os celestes e os branqui-azuis.

5) Vilalba, que pasa con Vilalba?

Pode que Celta e Dépor non coincidan en moitas cousas. Mais os dous deben dar grazas a Vilalba. A capital da Terra Chá é onde están as peñas máis veteranas de ambos os dous equipos. A do Deportivo, fundadada en 1952. E a do Celta, de 1969, se ben, e como aclaran desde a Federación de Peñas, xa existía a mediados da década dos 40.

De Vilalba é natural tamén un dos poucos galegos que xogou nos dous equipos, Vicente Celeiro (1962). O vilalbés militou na escuadra deportivista de 1981 a 1989 para pasar despois a alistarse no club céltico, onde xogou de 1989 a 1991.

6) Os 'tránsfugas', que habelos, hainos; veñen de vello

Vicente Celeiro non foi o único que militou en ambos os dous equipos. Por volta dunha vintena de xogadores vestiron durante a súa traxectoria a camisola celeste e a branqui-azul. Desde figuras lendarias como Pahíño a casos máis recentes como Djorovic.

Ao pouco de nacer o Celta, catro dos seus mellores xogadores 'desertaron' e foron dar... ao Dépor! Unha polémica que derivou en pleitos

Mais a situación máis sorprendente foi nos primeiros pasos do Celta, cando catro dos seus xogadores (Ramón González, Isidro Rodríguez, Otero e Chiarroni) 'desertaron' do equipo celeste a pouco de comezar a andaina na Copa de Galiza para ir ao... Dépor! A cuestión chegou a un pleito ante os estamentos deportivos estatais.

7) A cruz de Santiago, motivo de desputa

Desde 1931 o Celta leva no escudo da camisola a cruz de Santiago, un elemento naquela altura que era identificador, entre outras cousas, de 'galeguidade'. O equipo celeste gañou o dereito a levar esta cruz tras vencer o Deportivo nun partido deputado para dilucidar quen dos dous equipos tería a 'honra' de levar tal emblema. A cruz figura nos escudos doutros clubs galegos, como o Compostela ou o Racing de Ferrol.

8) E iso de 'portugueses' e de 'turcos'?

Despetivamente e con ánimo insultante, seccións das afeccións de Dépor e Celta descualifican os rivais alcumándoos de 'portugueses' (aos celtistas) ou 'turcos' (deportivistas).

A cualificación de 'portugueses' non parece ter moito misterio. Un xentilicio que se quer usar como insulto despectivo por mor da cercanía de Vigo a Portugal e afondando na visión existente en certas capas de Portugal como algo 'inferior'. 'Vigo, capital Lisboa', o disco publicado en 1985 polos Resentidos , reflicte a normalidade irónica con que en Vigo se asume a cercanía ao país luso.

O dereito a lucir no escudoa a Cruz de Santiago (naquela altura, símbolo -entre outras cousas- de galeguidade), conquistouno o Celta após gañar ao Dépor un partido a fin de dilucidar tal 'honra' 

Máis debate dá a orixe do termo 'turcos' para os seguidores do Dépor. Hai varias versións. Unha aponta a que se emprega o xentilicio como un insulto racista e despectivo. Outra conxetura ten a orixe nas matrículas dos vehículos, que antiguamente levaban como primeira inicial a letra do nome da provincia. No caso da Coruña, o C, unha forma de media-lúa que levaría a definir os coruñeses como 'Turcos'.

Mais non acaban aquí as elucubracións. Algunhas interpretacións mesmo aparecen recollidas en estudios, como o de 'La cancha de las identidades: periodismo deportivo y fúbol 'gallego', editado por Icaria editorial. Sinalan aquí que “[...] dentro do contexto de rivalidade, os seareiros do Celta denominan 'turcos' os seus homólogos do Dépor, para indicar que non son galegos”. Unha referencia que collía forza nunha década, os 80, onde nalgúns sectores da sociedade galega se vía A Coruña como unha cidade de costas ao resto do país por mor do extremo localismo do seu alcalde, Francisco Vázquez.

9) 'Atlantic' de Vigo? Deportivo de la Sala Calvet?

O Deportivo da Coruña naceu o 2 de marzo de 1906 mais non sería até o 1912 que adoptaría o nome polo que é coñecido. Namentres, foi 'Club deportivo de la Sala Calvet', recibindo así o nome (Sala Calvet), do centro deportivo máis importante da Coruña, un ximnasio onde se practicaban múltiples especialidades, nomeadamente esgrima e competicións de traiñeiras. Até 1909 a equipación do combinado coruñés era pantalón azul e camisa branca, sen franxa algunha. A partir dese ano, a camisola deportivista xa incluiría as raias verticais azuis.

O Deportivo recibeu o seu primeiro nome dun ximnasio coruñés onde se practicaba esgrima e se competía en regatas de traiñeiras. Na asemblea fundacional do Celta, outras denominacións para o equipo eran o Breogán, o Galicia ou o Atlantic

O Celta realizou a súa asemblea fundacional o 18 de agosto de 1023, nacendo da fusión de dous clubs da cidade, o Vigo Sporting e o Real Fortuna. Á hora de elixir o nome para o novo equipo, os socios aclamaron a proposta de 'Celta', que se impuxo as outras proposicións a debate: Breogán, Atlantic, Unión, Galicia e Olímpico. O novo equipo comezou xogando cunha camisola de cor vermella, mais axiña, en 1924, decidiuse cambiar pola cor celeste e branca, procurando intencionadamente a simboloxía da bandeira galega.

10) Aquel telegrama da directiva do Dépor: “Hurra polo Celta!

Non sempre Dépor e Celta foron como o can e o gato. Unha mostra, o telegrama que a directiva do equipo coruñés remiteu aos seus homólogos celtistas cando ascenderon a Primeira divición a finais da década dos 30: “Os nosos máis sinceros e cordiais parabén polo brillante triunfo atinxido para o fúbol galego. Hurra polo Celta!”.

Imaxe portada de 'Fame Celeste': aperta de mans entre os capitáns do Celta e e Depor no primeiro derbi. 
 

Comentarios