Descobre os detalles de todos os partidos de fútbol da xornada

Celta, Rácing de Ferrol, Fortuna, Lugo, Arenteiro e Deportivo masculino ou feminino entran en xogo a pesar do temporal.
A Federación de Peñas Celtistas esixe que cesen os "atropelos" dos colexiados e piden "respecto" a unha "afección centenaria". (Foto: FGPC).
photo_camera A Federación de Peñas Celtistas esixe que cesen os "atropelos" dos colexiados e piden "respecto" a unha "afección centenaria". (Foto: FGPC).

Xogará o Celta contra 11 ou contra 12? Esa é a pregunta que se fai un sector maioritario da parroquia celeste de cara ao partido contra o partido en Balaídos contra o Sevilla (hoxe, 18.15 horas), que teme que unha vez máis os erros arbitrais lle causen perda de puntos ao seu equipo.

Ante esa posibilidade, a Federación de Peñas Celtistas fai un chamamento a dar "un paso adiante" e prorromper en asubíos no minuto 12 para esixir que cesen os "atropelos" dos colexiados "a unha afección centenaria".

Sobre o céspede, e ante as baixas dos mancados Ristić  e Luca, Benítez podería optar por un once con Güaita; Mingueza, Starfelt, Domínguez, Manu; Tapia, Beltrán, Bamba, Carles Pérez; Iago Aspas e Larsen.

O Rácing recibe o Andorra

Tras case dez anos sen conseguilo, o Rácing de Ferrol clasificou á segunda fase da Copa do Rei. Agora, os Diaños Verdes buscan estender o éxito á competición da regularidade nun encontro inédito co Andorra de Gerard Piqué previsto, para consternación da afección de ambos os contendentes, ás 14 horas do domingo na Malata.

Os galegos poñen a proba as súas positivas xeiras

As catro escuadras galegas da Primeira Federación están vivindo un bo momento de xogo e resultados, que confirmaron avanzando de rolda -coa excepción do Celta Fortuna, que non a disputou dada a súa condición de filial- esta semana na Copa.

O outrora coñecido como Celta B aspira a conservar o liderado vencendo a domicilio o decepcionante Sestao (As Llanas, mañá, 16 horas), fechacancelas con apenas catro puntos.

O Lugo, pola súa parte, procura o seu sexto triunfo consecutivo -contando o do torneo do KO- ante Unionistas de Salamanca (Raíña Sofía, mañá, 19 horas) sabendo que non só lograría confirmarse nunha zona nobre moi conxestionada de equipos, senón que mesmo podería asaltar o primeiro posto se pincha o Fortuna. 

Precisamente a eses lugares de honra opta a engancharse o Deportivo, que logo do esforzo copeiro que tivo que realizar para eliminar o modestísimo Covadonga viaxa a Irún para retar o Real Unión (Stadium Gal, mañá, 16 horas) sabendo que se gaña adiantará os vascos e axexará de novo o play-off.

E por último, un Arenteiro que perdeu unicamente un choque dos últimos sete recibe no Carballiño (Espiñedo, hoxe, 19 horas) outro club en estado de graza, o Fuenlabrada, quen desde que superara o Dépor o 1 de outubro non sabe o que é a derrota.

O líder defende o seu trono

As mulleres do Real Club Deportivo defenden hoxe, logo dunha semana de descanso, o seu lugar de privilexio na xeral da segunda categoría estatal, onde son primeiras con 15 puntos.

Na teoría, o émulo non podería ser mellor para regresar despois da inactividade, pois será o modesto Cacereño, último clasificado, con quen medirá forzas ás 12 horas da tarde de mañá nos campos federativos Manuel Sánchez Delgado da localidade estremeña de Cáceres.

Canarias e Aragóns, rivais da Galiza na Regions Cup

A Copa das Rexións, organizada pola UEFA, comezará a súa edición 2023/24 cunha primeira fase estatal que se disputará a partir do 8 de decembro, coñecendo as 19 seleccións participantes -entre elas a Irmandiña- os seus rivais nun sorteo que tivo lugar onte na sede en Vigo da Federación Galega de Fútbol.

A Galiza, vixente campioa, ficou encadrada no Grupo 'E' contra Aragón e as Illas Canarias, sabendo que precisa rematar como primeira -ou ser unha das dúas mellores segundas- para pasar de rolda. Afortunadamente, contará co factor campo ao seu favor para tratar de levantar o seu segundo título consecutivo.

Comentarios