O Deportivo estréase na Liga con remontada e vitoria perante o Eibar

Imponse por 2 goles a 1 ao conxunto vasco.

deportivo coruña eibar
photo_camera Imaxe: RC Deportivo

O Deportivo estreouse na Liga esta sexta feira con vitoria perante o Eibar, un triunfo (2-1) logrado nun partido gris e no que a chave estivo nos balóns parados, que foron protaniostas nos tres tantos do encontro. O Dépor atopou un Eibar correoso, serio, ben situado fronte ao cal a súa boa predisposición de inicio non foi de abondo. Os coruñeses estiveron espesos, sen soltura co balón e se ben comezaron mellor e con ocasións, non acababan de convencer.

Adiantábase o Eibar no minuto 55 cun gol de Iván Ramis nun saque de córner. Un gol a balón parado dos 'armeros' que premiaba a seriedade do conxunto vasco. Porén, o Dépor non se deixou vir abaixo e tirou de casta e de casa: Mosquera e Lucas Pérez. O segundo asistiu o primeiro no primeiro gol dos coruñeses, no minuto 69. O primeiro tanto de Mosquera como deportivista e un gol que non só empataba o partido mais insuflaba ánimos e confianza ao Deportivo.

No minuto 87 Lucas Pérez materializaba un penalti máis que rigoroso e metía o gol que daba a vitoria ao Dépor, que no primeiro partido da Liga evidenciaba algúns dos sinais preocupantes que lle acompañaron a pasada tempada. O propio adestrador, Gaizka Garitano, confesaba unha vez finalizado o partido que estaba contento polo resultado mais non polo xogo.

Ficha técnica

Deportivo (2): Lux; Juanfran, Albentosa, Sidnei, Navarro; Guilherme (Luisinho, minuto 68), Mosquera; Carles Gil (Andone, minuto 57), Fayçal Fajr, Bruno Gama (Borges, min.82); e Lucas Pérez.

Eibar (1): Asier Riesgo; Capa, Gálvez, Iván Ramis, David Juncà; Dani García, Christian Rivera, Adrián González (Sergi Enrich, minuto79); Inui (Rubén Peña, minuto74), Kike García e Bebé (Pedro León, minuto 85).

Goles: 0-1, Ramis (minuto 55). 1-1, Mosquera (69'). 2-1, Lucas Pérez, de penalti (87')

Comentarios