LIGA

O Deportivo cede un empate nos minutos finais diante do Levante

Un penalti no minuto 83 de partido impediu o primeiro triunfo do Deportivo nesta Liga. Afortunados, os de Mel marcaron nos dous primeiros disparos a porteráia. Logo resistiron, case até o final. 

Levante Deportivo no Ciudad de Valencia onte sábado. 26 de agosto de 2017. Segunda xornada de Liga.
photo_camera Levante e Deportivo empataron no Ciudad de Valencia na segunda xornada de Liga.

O Deportivo comezara a tarde a toda máquina. Con cinco minutos de xogo xa anotara un gol. Foi no seu primeiro disparo á porta contraria. No segundo, nun remate de cabeza de Sidnei despois dun saque de esquina, tamén obtivo premio. Ía media hora de partido costa abaixo pero o Levante xa puxera en perigo a meta de Rubén. Na terceira chegada dos locais, Enes Bardhi, de libre directo, rebaixou a vantaxe visitante. Entón o Deportivo comezou a sufrir.

Na segunda metade Mel deu entrada a Borges e a Adrián, pero foi o Levante o que levou a iniciativa e tivo boas oportunidades para empatar. 

Malia as dificultades, o Deportivo mantívose por diante no marcador. A un cuarto de hora do final, despois da expulsión de Morales, o resultado parecía garantido. Os de Mel mesmo puideron sumar un gol máis. Pero nos minutos finais o Deportivo volveu sufrir. Campaña mandou o balón ao pau e a continuación o árbitro pitou un penalti sobre Ivi. El mesmo anotou o empate. O punto, despois da derrota na apertura da Liga diante do Real Madrid, sábelle a pouco aos blanquiazuis.

Levante: Raúl Fernández, Iván López (Ivi, min. 65), Postigo, Chema, Toño García, Jefferson Lerma, Campaña, Jason Remeseiro, Bardhi (Doukouré, min. 85), Morales e Álex Alegría (Boateng, min. 68).

Deportivo: Rubén, Juanfran, Schär, Sidnei, Luisinho, Pedro Mosquera, Guilherme, Fede Cartabia, Emre Çolak (Borges, min. 54), Bakkali (Adrián, min. 61) e Andone (Bruno Gama, min. 74).

Goles: 0-1 Fede Cartabia (min. 5); 0-2 Sidnei (min. 31); 1-2 Bardhi (min. 35); 2-2 Ivi (min. 83).

Árbitro: Alberola Rojas (c. castellano-manchego). Cartón vermello a Morales (min. 76), del Levante, dobre amarela. Tarxetas a Luisinho (min. 11), Fede Cartabia (min. 56) e Morales (min. 68).

Incidencias: Estadio Ciutat de València. 17.370 espectadores.
 

Comentarios