O deporte toma as rúas polo Día das Letras

O deporte quere sumarse ás celebracións deste Día das Letras Galegas que ten como protagonista Francisco Fernández Del Riego, un home que dirixiu un semanario deportivo na cidade olívica, con multitude de eventos que teñen en común o seu carácter festivo e un importante peso das crianzas e do deporte de base.
Os nenos e nenas, como é o caso do Galego de Volei, acaparan o foco na maioría dos torneos e probas da xornada. (Foto: FGV)
photo_camera Os nenos e nenas, como é o caso do Galego de Volei, acaparan o foco na maioría dos torneos e probas da xornada. (Foto: FGV)

O fenómeno deportivo na súa forma máis global, como expresión cultural e identitaria vinculada a unha sociedade que é, está vinculado ao pobo no que se desenvolve, e como tal non é alleo á celebración do Día das Letras Galegas.
Non podía ser doutro modo. Polas datas nas que viviu, Rosalía quedou practicamente á marxe -aínda que non de todo, xa que reflectiu no seu poema A probiña, que está xorda...! esa disciplina ancestral de orixes prerromanas que é a loita galega-, pero o segundo homenaxeado, Castelao, era un grande amante do deporte, en especial do fútbol, como demostrou caricaturizando co seu lapis varios dos xogadores máis importantes daquel extinto Eiriña Club de Fútbol co que tanto simpatizaba.
Esa paixón é un dos nexos en común entre o protagonista do Día das Letras de 1964 e o de 2023, Francisco Fernández Del Riego, quen, sen acreditar, dirixiu en Vigo un semanario deportivo local centrado no fútbol que promoveu a imprenta Roel e que recibía o título de Imán, unha de tantas "cousas inverosímiles", como el mesmo recoñecía, que fixo para "saír adiante" despois da Guerra Civil. Ademais, un dos cafés que máis frecuentaba por aquel entón para as súas palestras era o Alberti, un local da rúa Uruguai propiedade dun ex futbolista do Celta.

Ciclismo, atletismo, baloncesto... e moito máis

Por todo isto, e a pesar de que nesta ocasión a festividade das Letras Galegas coincide nun día pouco habitual para programar eventos deportivos como é unha cuarta feira, institucións, federacións e clubs decidiron inzar o territorio con numerosos eventos que se estenderán de norte a sur e de leste a oeste do país.

O máis transcendente, tanto pola súa relevancia como pola súa simboloxía, é o Campionato da Galiza de Ciclismo Contra o Reloxo que se desenvolverá en Cerceda. Cunha lonxitude de 19 quilómetros e unha saída prevista no Campo da Feira ás 10 horas da mañá, o certame repartirá 12 títulos galegos masculinos e femininos nas categorías cadete, júnior, Elite, Sub-23, Máster e de ciclismo adaptado.

Tamén decidirá quen son os novos campións e campioas do país o Campionato Galego de Inverno de Volei Praia. Coas pistas instaladas no Complexo Deportivo de Oira (Ourense), as persoas adultas ceden o protagonismo nesta ocasión ás deportistas de base, que por un día cambiarán os libros pola area e a pelota.

 A rapazada tamén se reta en Boiro co gallo do Campionato Galego de Clubs de Baloncesto 3x3 Sub-17. Deste modo, o Pavillón CEIP Santa Baia acollerá desde primeira hora da mañá unha competición que congregará cinco equipos de mulleres e 13 de homes, recibindo como recompensa extra os respectivos campións e subcampións un boleto para entrar no sorteo do Estatal, que en 2023 será na illa de Mallorca.

Sen saír do deporte da canastra, pero cambiando Boiro por Carballo, a Escola Básket Xiria organizará a novena edición do Pequebásket, todo un clásico no Día das Letras que xuntará máis de 400 crianzas con idades comprendidas entre os 5 e os 8 anos no Pavillón Bergantiños.
Pero se hai un deporte que se botará ás rúas neste Día Das Letras é o atletismo, pois haberá carreiras en Compostela, Vigo, Outes e Lugo.

As tres primeiras desenvolveranse de modo paralelo, con saída ás 10 horas da mañá. Trátase da IX Carreira Camiño das Letras,  cun percorrido de 15 e outro de cinco quilómetros; a Carreira Praia de Samil-III Memorial Alfonso Varela, con saída e chegada no areal olívico aproveitando a baixamar; e a XIII Carreira Pedestre de Outes. Por último, a cidade da Muralla  será o escenario de excepción para un Memorial Profe Alberto que botará a andar ás 11 horas.

Comentarios