O deporte galego, cada vez máis solidario

Multiplícanse polo país as probas e eventos con carácter benéfico.
O 1 de outubro disputarase a I Carreira Solidaria de Leo, que busca "apoiar e recadar fondos" para as persoas con enfermidades raras. (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera O 1 de outubro disputarase a I Carreira Solidaria de Leo, que busca "apoiar e recadar fondos" para as persoas con enfermidades raras. (Foto: Deputación de Pontevedra).

As seccións de deportes de practicamente todos os xornais inzan as súas páxinas, moitas veces obrigados pola actualidade, outras por inercia, case sen querer, de informacións cunha alta carga negativa: abusos sexuais por parte de atletas ou dirixentes, competicións que se desenvolven en países onde os dereitos humanos teñen menos valor que unha sinal de ceda o paso ou escándalos de dopaxe ou corrupcións de toda pelaxe.  

Non obstante, de forma paralela, pero como acontece sempre coas boas novas, facendo moito menos ruído, o mundo do deporte conta con cada vez máis probas, eventos ou certames de carácter solidario con todo tipo de causas e en practicamente todas as modalidades.

Unha das que máis destacadas neste sentido é o atletismo. A próxima semana debutará no calendario a I Carreira-Andaina Solidaria As Pontes Contigo, incluída no programa oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) e que terá lugar o 24 de setembro a partir das 10 horas nas Pontes de García Rodríguez. Os e as participantes percorrerán cinco quilómetros sobre asfalto, para o que pagarán entre tres e seis euros que irán destinados a colaborar con Xanela, unha asociacións que traballa con persoas con diversidade funcional. Ademais, a organización abriu unha fila cero para que, quen queira, poida contribuír a axudar as persoas "que sofren soidade, requiren de coidados paliativos ou dalgunha atención especial".

Sete días despois, o 1 de outubro, en Mosteiro-Meis, está programada a I Carreira Solidaria de Leo. Esta toma o seu nome dun neno falecido en novembro do pasado ano 2022 a causa dunha enfermidade rara, polo que a súa meta é "dar visibilidade, apoiar e recadar fondos que axuden a mellorar a calidade de vida de nenos e nenas que padecen este tipo de doenzas".

Alén do atletismo, o Partido Solidario Gadis -no que se doan cinco quilos de alimentos por cada punto anotado- xa é un clásico do Nadal Galego, tanto como o Torneo de Tenis de Mesa Pola Saúde Mental de Narón, que mañá mesmo alcanzará a súa décimo cuarta edición  colaborando coa Federación Galega de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental.

X Carreira da Auga a prol de Unicef

Un dos eventos deportivos solidarios máis especiais da Galiza é a Carreira da Auga a prol de Unicef, que organiza o Club Atletismo Sada e regresa despois de catro anos de ausencia.

O certame terá lugar o domingo 8 de outubro ás 10 horas no Paseo Marítimo da comarca coruñesa, e todos os fondos recadados coa inscrición -que se elevará até os tres euros para as crianzas e os seis no caso dos adultos- dirixiranse á antedita axencia das Nacións Unidas, que ten como misión garantir o benestar e o cumprimento dos dereitos da infancia e a adolescencia en todo o planeta.

O prazo para apuntarse na cita permanecerá aberto até o catro de outubro, e poderá realizarse a través do portal de Championchip Norte. Como en anteriores edicións -a última foi xusto antes da irrupción da pandemia da Covid-, haberá diferentes categorías para escoller: carreiras desde os 100 metros para os nenos e nenas, até os 10 quilómetros para as persoas adultas e as tradicionais andainas para quen queira colaborar dando un paseo solidario.

Comentarios