Opinión

A máscara da solidariedade

[Xoán Costa]

Estarrece comprobar cales son os límites da solidariedade internacional á vista de situacións como as vividas após ese choque brutal entre a placa árabe –que agocha o 50% das reservas mundiais de gas e petróleo-, a placa de Anatolia e a placa africana, que se move cara ao norte, e non é metáfora, empurrando as outras.

Colisión que arrasou bens e vidas en Siria e Turquía, especialmente en localidades en que a poboación é, maioritariamente, kurda.

Mais, como soe suceder en catástrofes deste teor, os bens a as vidas valen, ou valóranse, en función de a quen ou a que afectan, primando os intereses estratéxicos e xeopolíticos sobre os humanitarios. 

Por iso resulta moi difícil de entender que, nun territorio estratexicamente situado para o control dos recursos enerxéticos e para o movemento de mercadorías, e equipado cunha elevada tecnoloxía militar, se nos pretenda facer crer que non pode chegar axuda a Siria porque está cortada a única estrada de acceso.

Non será que a chuvia de millóns de dólares e a rapidez na chegada de recursos e medios de rescate a Turquía, fronte á demora, cando non inexistencia dos mesmos para Siria, ten máis a ver co necesario apoio de Turquía á entrada de Finlandia e Suecia na OTAN? Todo se merca. Mesmo a máscara da solidariedade.

Comentarios