O Dépor xa se pode centrar na liga

A equipa galega deu a cara en Mendizorroza, mais non foi quen de se impor ao Alavés nunha segunda parte en que dispuxo de superioridade numérica. Ao caír eliminado, o combo de Garitano pode agora centrarse no fundamental, en salvar a categoría.

depor

O 2-2 de Riazor obrigaba o Deportivo ou ben a gañar ou ben a empatar a máis de dous goles no campo dunha das equipas revelación da temporada. Non foi quen de facer nen unha cousa nen a outra. Tivo a bola, si, en parte porque o Alavés especulou co resultado. Mais a posesión do balón por si mesma non serve de nada. Tes que ter capacidade de achar corredores no muro defensivo rival, filtrar balóns ás costas dos centrais, furar as liñas de contención. Pouco diso deu feito o Deportivo.

As cousas viraron a pior nos estertores do primeiro acto, nunha xogada mal defendida por parte do Dépor que resultou no 1-0 de Edgar. O gol chamaba á épica á escadra branquiazul, mais francamente a sensación que transmitiu o grupo de Garitano é que tampouco había por que morrer no intento, ou sexa, que mellor economicemos enerxía e talento para a liga.

Con todo, unha circunstancia inopinada -a expulsión do alavesista Theo Hernández no minuto 47 de xogo- voltou a pór sobre a mesa a opción de lle dar a volta ao taboleiro de marcas e pasar de eliminatoria. Con tres cuartos de hora por diante o Dépor estaba obrigado a facer dous goles. O primeiro, nunha nova acción de estratexia, a especialidade de Garitano, chegou no minuto 62, co selo de Arribas. O segundo non deu chegado. Porfiou o Dépor con centros á área e Joselu estivo a piques de marcar nun par de lances. Mais á equipa galega faltoulle repertorio face un conxunto moi ben organizado e que, el si, tiña a continuidade na Copa como un obxectivo non secundario.

Esgotouse o tempo e o Dépor asinou un empate estéril. Garitano xa ten a equipa onde quería, centrada na liga.

Deportivo Alavés: Ortolá, Vigaray, Pantic, Alexis, Theo Hernández, Marcos Llorente, Dani Torres, Krsticic (Toquero, min. 88), Edgar (Laguardia, min. 82), Katai (Kiko Femenía, min. 56) e Christian Santos.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho, Borges (Guilherme, min. 54), Pedro Mosquera (Óscar Pinchi, min. 81), Borja Valle, Emre Çolak, Marlos Moreno (Andone, min. 60) e Joselu.

Goles: 1-0, min. 45: Edgar (min. 45); 1-1, min. 62: Arribas.

Árbitro: Estrada Fernández (c. catalán). Expulsou Theo Hernández por duplo cartón amarelo (min. 47). Cartón amarelo a Borja Valle (min. 16), Pantic (min. 28), Dani Torres (min. 35), Theo Hernández (min. 40), Edgar (min. 81), Laguardia (min. 90) e Guilherme (min. 90+3).

Incidencias: Estadio de Mendizorroza. 16.765 espectadores, entre eles uns 200 deportivistas.

Comentarios