Málaga-Dépor (2-0)

O Dépor sofre a primeira derrota da liga fóra da casa

Non foi unha boa noite para o fútbol galego da primeira división. Se o Celta deixaba de ser imbatíbel fronte ao Madrid, o Depor deixaba de ser imbatíbel fóra da casa. O propio adestrador, Víctor Sánchez del Amo, recoñecía en rolda de prensa que fora o partido “máis frouxo, sen dúbida” no que vai de competición.

[Imaxe: RDC]
photo_camera [Imaxe: RDC]

Desde o primeiro minuto, os deportivistas non se atoparon cómodos diante dun Málaga que trataba de fuxir dos postos de descenso. O que, a priori, non era un partido complexo púxoselle costa arriba a un Dépor lastrado polas baixas que non soubo reaxir.

O equipo local foi que dispuxo das primeiras opcións de gol, o primeiro aviso chegou cun testarazo de Charles cando non se cumprira o minuto un. A grande oportunidade do Dépor chegou no minuto 28 cun disparo de Oriol Riera que bateu co pau dereito. A primeira parte pechou con numerosas imprecisións por parte de ambos os conxuntos.

Na segunda parte, o primeiro susto para o Dépor chegou cando o colexiado do partido, Velasco Carballo, anulou un gol de Charles por fóra de xogo de Juan Carlos. No minuto 61 chegaba o primeiro tanto do encontro tras unha falta cometida por Arribas. Tighadouini, o mellor home do Málaga, introducía o balón na rede.

Após o gol, Arribas e Borges dispuxeron de boa ocasións que non frutificaron.  Cando o Dépor estaba ficando sen folgos, o Málaga sentenciou o partido co segundo tanto. Juan Carlos recollía un centro pasado de Rosales, apuraba a carreira, superando Borges, Cani e Laure, e cun disparo coa perna esquerda batía a Lux.  

Málaga CF: Kameni, Rosales, Albentosa, Weligton, Boka, Tissone, Recio (Pablo Fornals, min.77), Tighadouini (Ricardo Horta, min. 82), Duda (Espinho, min. 64), Juan Carlos e Charles.

Deportivo: Lux, Juanfran (Cani, min. 72), Arribas, Sidnei, Fernando Navarro, Fede Cartabia (Laure, min. 57), Pedro Mosquera, Borges, Fayçal, Lucas e Oriol Riera (Luis Alberto, min. 57).

Goles: 1-0 Tighadouini (min. 61); 2-0 Juan Carlos (min. 84).

Árbitro: Velasco Carballo (comité madrileño). Amonestou Pedro Mosquera (min. 8).

Comentarios