O Dépor sobreponse ao cansancio de Xixón e amarra un ponto fronte ao Betis

Non está o Dépor para competir dúas veces por semana. Non o está ningunha equipa co seu orzamento. Acaba de gañar en Xixón tres pontos trascendentais. Ten unha bola extra, a do partido aprazado, co Betis. Comparece en Riazor canso, chumbo nas pernas. O partido parece abocado a un empate táctico, un pacto tácito. Marca a equipa de Víctor Sánchez del Amo no típico gol parvo de Riazor. O Dépor noqueado. E entón acontece algo. No epílogo do partido. Seis, sete minutos, de pelexa á beira da extenuación. E un penalti. E un ponto valioso que fica na casa.

Deportivo-Real Sociedad (5-1). 5 de decembro de 2016

Na primeira parte, o Dépor estivo un pouco de ferias, a velas vir, a especular coa enerxía restante após os vibrantes primeiros duelos da era Mel, o empate na casa co Atlético de Simeone e a trascendental vitoria no Molinón. O Dépor economizaba forzas e facíalle as beiras á idea de que con puntuar hoxe abondaba (sumar 4 pontos no miniciclo Sporting-Betis tampouco está tan mal).

O Betis viviu nesa primeira media hora do talento de Ceballos, un futbolista de toque mais con grande despregamento físico. Suficiente para submeter o Dépor neste período. Mais a cousa tampouco deu para máis, o que significa que felizmente ficamos sen ver a mellor versión de Lux -a que vimos face o Atlético e o Sporting- porque os puntas béticos apenas o puxeron a proba.

Mudou lixeiramente o decorado no último cuarto da primeira metade (de facto o Dépor tivo un balón ao pau nunha incursión de Andone na área após asistencia de Çolak) e nos primeiros quince da segunda. Aí apareceron Carles Gil, durante a primeira metade o deportivista con máis luz no seu xogo, e algo máis o futbolista turco, sen o cal directamente o futebol de ataque e combinativo do Dépor non existe. Mais foron lampexos discontinuos, moi pouca gasolina no depósito do Deportivo e unha certa sensación de conformismo das dúas equipas co empate, de pacto tácito.

Aliás, e como tantas veces sucede neste deporte, o cálculo -un ponto sempre é un ponto- perdeu todo sentido co tanto do Betis, o típico gol máis ou menos parvo -un rival na área absolutamente desmarcado, o infortunio dun disparo que rebota nun futebolista local- que o Depor adoita receber en Riazor. Ficaban 20 minutos de xogo por diante, xa non había espazo para especular, o Dépor tiña que lanzarse a tomba aberta a polo empate. Mel reaxe e pon en xogo Joselu. Hai algunha escaramuza. Nada que inquiete de máis a Adán, o gardamallas bético. Mel sobe a aposta. Aparece Ola John, deixa o campo Gil, algo desaparecido na segunda parte, un pouco na tónica da equipa, cansa, sen electricidade.

O que acontece é que o futebol é imprevisíbel e sen fútebol, con Ola John enroscándose sobre si mesmo, con Çolak sen dar moitas sinais de vida, o Dépor asinou un exercicio de épica nos últimos seis minutos do xogo, cargando cegamente contra a área rival, amartelando centros na procura do gol. Case o caza Andone, nun disparo afiado que beixou o lateral da rede. O Dépor continou porfiando, propulsado pola fe inquebrantábel de Mel desde a área técnica, unha fe innegociábel no seu combo. Así voou o enésimo centro sobre a área. Así se produciu unha falta sobre Borges. Así chegou o penatli. E o gol do tico. Non se puxo nervoso. Definiu coa frialdade dun especialista.

Un Dépor canso gañou un ponto que pode ser decisivo para contornar o descenso. Cando as equipas son quen de se sobrepor ás súas debilidades -ás súas fraquezas, á súa fatiga- é que están no bon camiño.

Comentarios