Dépor-Rácing: duelo de Primeira... RFEF

Choque na cabeza da terceira categoría entre dous históricos do fútbol.
O encontro de ida, disputado no Sardinero, finalizou con empate sen goles entre os máximos favoritos a conseguir o ascenso. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O encontro de ida, disputado no Sardinero, finalizou con empate sen goles entre os máximos favoritos a conseguir o ascenso. (Foto: RC Deportivo).

O Real Club Deportivo da Coruña ocupa a décimo segunda posición na clasificación histórica da Primeira División, con 1.843 puntos obtidos en 46 tempadas na elite. O Rácing de Santander, a décimo quinta con 1.415 en 44 anos. Mais, por circunstancias do fútbol, este duelo propio da máxima categoría desenvolverase hoxe (Riazor, 20.30 horas) nun marco con moito menos glamour, a Primeira RFEF.

Sumidos nun pozo impropio de entidades da súa traxectoria, ambos os conxuntos aspiran a reverdecer vellos loureiros logrando o ascenso á Segunda División, meta común para a que a principios de tempada compartían tanto o favoritismo como a aspiración de finalizar na primeira posición, a única que dá acceso directo á categoría de prata sen pasar polo sempre impredecíbel play-off.

Logo de 22 partidos xogados -21 no caso dos verdibrancos-, o Dépor é líder con cinco puntos de vantaxe sobre o Rácing, mais a solidez que caracterizou os futbolistas dirixidos por Borja Jiménez até este momento diluíuse no mes de febreiro, no que caeu derrotado en ambos os compromisos que disputou.

Por iso, 'o xogador número 12', a afección, mobilizouse durante as xornadas previas para ateigar Riazor e contribuír así co seu alento a que o equipo recupere o ritmo gañador que o definiu até o de agora. Deste modo, sería sorprendente que no coliseo branquiazul non se congregasen un mínimo de 20.000 almas.

Mala combinación: seca de goles contra 'catenaccio'

Detrás das dúas derrotas deportivistas nos últimos dous partidos estivo, ademais de puntuais desaxustes na defensa, a incapacidade de materializar as ocasións de gol creadas. 

Por iso, será fundamental que os Miku, Noel, Williams e compañía exhiban a súa mellor versión ante un Rácing de Santander que, como o Deportivo, conta cun adestrador moi novo, pero a diferenza de Borja Jiménez, Guillermo Fernández Romo é un técnico que aposta por construír desde a defensa, articulando desde esa liña unha proposta futbolística ultraconservadora que linda co case desaparecido catenaccio italiano.

Case 100 anos de enfrontamentos

A longa historia dos duelos entre coruñeses e santanderinos remóntase até o 10 de abril de 1932, cando os branquiazuis caen derrotados por 4-1 no partido de ida dos dezaseisavos de final da Copa do Presidente da República, hoxe Copa do Rei. Contra prognóstico, unha semana máis tarde, en Riazor, o Dépor foi quen de remontar a eliminatoria gañando 5-0 (goles de Triana, Diz e Paco León en tres ocasións) nun choque que durante moitos anos foi considerado como un dos mellores encontros na historia do club.  

Poucos anos máis tarde, o 20 de outubro de 1940, o Deportivo asinou a que até o de agora e a súa máxima goleada ante o Rácing: 7-0 nun duelo que supuxo o debut na Coruña do dianteiro internacional Elicegui e a última gran malleira deportivista en máis de 50 anos, concretamente até 1997.

Hai xa un cuarto de século, e da man do brasileiro Djalminha, que fixo gala da súa malhumorada xenialidade deixando o equipo con dez tras agredir un rival logo de marcar un penalti de panenka, o Deportivo venceu por un contundente 4-1.

Comentarios