O Dépor presenta Raúl García e o Lugo Miguel Loureiro

O talento do país segue medrando no fútbol.
Os carrileiros galegos, que a tempada pasada militaban no Valladolid e no Rácing de Ferrol, xa posan coas súas novas camisetas.(Foto: RC Deportivo).
photo_camera Os carrileiros galegos, que a tempada pasada militaban no Valladolid e no Rácing de Ferrol, xa posan coas súas novas camisetas.(Foto: RC Deportivo).

O Real Club Deportivo da Coruña e o Club Deportivo Lugo presentaron no día de hoxe dous novos reforzos, Raúl García Carnero e Miguel Loureiro, talento galego para os carrís laterais das súas defensas.  

Necesitados de reforzos para lograr o obxectivo do ascenso e a permanencia, respectivamente, unha das zonas na que era máis imperioso incorporar efectivos tanto para branquiazuis como para albivermellos eran os laterais, optando as súas directivas polo talento galego para acabar coas súas carencias.

O Deportivo rescatou un vello coñecido, Raúl García Carnero. Aos seus 33 anos, o coruñés, que vén de lograr o ascenso a Primeira co Valladolid, regresa "moi feliz" ao lugar onde debutou na elite, na tempada 2009/10. "É un paso atrás, pero non o sinto así, porque quero axudar a devolver o Dépor onde merece", afirmou.

Miguel Loureiro, pola súa parte, percorre o camiño contrario, pois salta da Primeira RFEF á Segunda División tras destacar como un dos mellores da categoría na súa posición. "Teño moitas ganas de xogar no Lugo, sei que o meu rendemento pode estar á altura da competición e estou ilusionado por competir", apuntou o de Cerceda.

Adeus ao patriarca da dinastía dos Agulló

Na madrugada de onte faleceu aos 91 anos de idade Jaime Agulló Blasco, dianteiro ilicitano que defendeu as cores do Deportivo durante oito partidos, -nos que marcou catro goles- na tempada 1957/58. Non obstante, na cidade herculina máis que polo seu legado sobre o terreo de xogo é coñecido por ser o pai dunha lenda deportivista, Jaime Agulló Quintela, nado xa na Coruña, quen xogou no Dépor oito tempadas na década dos 80. 

Prezos populares para o Memorial Quinocho

O Celta confirmou os prezos dos boletos para asistir ao Memorial Quinocho, que nesta edición enfrontará ao conxunto celeste co Al Shabab saudita, campión da súa Liga en 2021 e que ten no arxentino Ever Banega o único xogador recoñecíbel para o gran público. As persoas aboadas accederán de balde e o público en xeral pagará entre sete e 15 euros. 

Comentarios