LUCAS PéREZ ANOTA DOUS TANTOS

O Dépor logra o primeiro triunfo da temporada en Riazor (3-0)

O Depor brillou esta tarde en Riazor no partido que disputou fronte ao Espanyol. Fíxoo capitaneado por un Lucas Pérez que marcou dous dos tres tantos que subiron ao marcador a favor do equipo local.

[Imaxe: RCDeportivo]
photo_camera [Imaxe: RCDeportivo]

Un gol en propia porta de Álvaro e dous tantos de Lucas Pérez déronlle a primeira vitoria ao Depor no estadio de Riazor no que vai de temporada. O Depor comezou a primeira parte cunha grande intensidade. Esta presión deulle o primeiro dos froitos ao equipo da casa aos 14 minutos de partido, cun cabezazo do xogador do club catalán Álvaro González en propia porta. Os coruñeses aumentaron a vantaxe no minuto 27, cando Lucas Pérez aproveitou un bo pase de Luis Alberto para bater o meta visitante.

O segundo tempo comezou coa mesma forza por parte dos deportivistas, que anotaron o 3-0 definitivo no minuto 48, cando outra vez Lucas Pérez, o heroe da tarde, levou o balón ao fondo da rede logo dun pase perfecto de Borges. O Espanyol vía as súas esperanzas anuladas coa expulsión de Diop, por dupla amarela, no minuto 79. Por riba, o xogador visitante deixaba o campo lesionado.

O 3-0 do Depor certifica a súa colocación en postos europeos.

Ficha técnica

Deportivo: Lux; Juanfran, Lopo, Sidnei, Fernando Navarro (Laure, min.56); Borges, Mosquera (Álex Bergantiños, min.61); Fayçal Fajr, Lucas Pérez (Fede Cartabia, min.68), Luis Alberto e Oriol Riera.

Espanyol: Pau López; Róber Correa, Álvaro, Enzo Roco, Duarte; Marco Asensio, Víctor Sánchez (Mamadou, min.57), Pape Diop, Víctor Álvarez (Burgui, min.54); Caicedo (Hernán Pérez, min.46) e Gerard Moreno.

Goles: 1-0, min.14: Álvaro, en propia meta. 2-0, min.27: Lucas Pérez. 3-0, min.48: Lucas Pérez.

Árbitro: Sánchez Martínez, do colexio murciano. Expulsou por dupla amarela o centrocampista do Espanyol Pape Diop (min.79). Ademais, amoestou Marco Asensio (min.13), Enzo Roco (min.74) e Duarte (min.77) por parte do Espanyol; e a Lopo (min.24), Lucas Pérez (min.26), Laure (min.64) e Álex Bergantiños (min.76), por parte do Deportivo.

Comentarios