LUCAS PéREZ E GERMáN LUX DECIDEN UN DERBI INTENSO

O Dépor estivo mellor nos detalles

O diaño está nos detalles e aí estivo mellor o Dépor nun duelo vibrante, vivido con enorme emoción nas bancadas e disputado con fair play sobre o verde. O derbi deixou un momento para a historia: as bancadas a entoaren o himno galego. Iso si, foi a versión amputada a que soou en Riazor.

Dépor-Celta. 21 de novembro
photo_camera Lucas Pérez, após facer o 1-0, con Sergio Álvarez ao fondo

Deportivo e Celta ofereceron un fermoso espectáculo a un Riazor ateigado, con 30.000 asentos ocupados, arredor de 700 cadeiras para a torcida viguesa. Non foi un partido dez, mais si un xogo de enorme tensión física e emocional, como se a vitoria dependese de cada disputa do balón. Aí, no intensómetro, comezou a gañar o Deportivo. Na maior parte das ocasións, os locais impuxéronse nos uns contra uns. E aí emerxeu a figura dun enorme Álex Bergantiños. Un dique de contención no centro do campo, con capacidade mesmo para se aventurar nas liñas defensivas celestes. Tanto que participou, após unha asistencia delicadísima de Cani, na acción que daría lugar ao gol de Lucas Pérez.

O diaño está nos detalles e este non foi o derbi de Nolito. Primeiro desbaldiu un regalo de Arribas, un despexe trapalleiro que o deixou nun man a man face Lux. Tería sido o 0-1. A acción foi vivida como a cámara lenta en Riazor, con 30.000 almas encollidas. Tamén se lle encolleu o pé ao talentoso 10 celeste. Lux apañou a bola sen aparentes problemas, após a falida vaselina.

A acción de Nolito produciuse no minuto 7. 15 despois chegou o gol de Lucas. E 2 minutos após o tanto do dianteiro coruñés, voltou Nolito a ocupar o centro do cenario. Penalti a favor do Celta. Un novo detalle decisivo. Un estrondo abalou o estadio, con 30.000 gorxas a abouxaren. Difícil manter a tranquilidade de ánimo para marcar. Se callar lle puido a presión a Nolito, se callar o mérito foi todo de Lux. Mas o 1-1 non subiu ao taboleiro de marcas e a impresión que ficou no ar é que aquela era a acción decisiva do encontro.

Fóra dos detalles, se imos ao trazo groso, o Deportivo foi superior ao Celta nomeadamente no centro do campo

Fóra dos detalles, se imos ao trazo groso, o Deportivo foi superior ao Celta nomeadamente no centro do campo. Acertou Víctor ao colocar Bergantiños como parella de Mosquera. A dupla coruñesa adonouse da parcela central e aí comezou a se desequilibrar o choque. A medular celeste apenas conseguiu fornecer de balóns de calidade ao tridente Orellana-Aspas-Nolito. Porén, o dinamarqués Wass deixou ver pingas da súa destreza no manexo da bola.

Após a vitoria, Celta e Deportivo continúan na zona nobre da táboa, con 21 e 18 pontos, respectivamente. Os derbis deron un salto de calidade. O Celta mostrouse como o que é, unha equipa de arriba, xa consolidada. O novo Deportivo patentizou que progresa adecuadamente e que o proxecto de Víctor Sánchez del Álamo exhibe cada día maior solidez.

Himno amputado e selección galega

Foi tamén un derbi para a historia nos detalles protocolarios. A interpretación multitudinaria, coa letra sobre impresionada nos vídeomarcadores, do himno nacional galego foi un deses momentos marcantes que ficaron rexistados na memoria futbolística do país. Mágoa que alguén decidise amputalo. Chegouse a Fogar de Breogán, mais non se entoou a estrofe en que Pondal canta a Nación de Breogán. Alguén terá que dar explicacións de por que.

Porén, a semente pode dar froitos. Na zona mixta, ao final do xogo, Lucas Pérez, outravolta o heroe local, evocou emocionado o momento da interpretación do himno e, unha cousa levou a outra, a seguir expresou o seu desexo de que o máis cedo posíbel se dispute un partido da selección galega. "Xogar nela sería un orgullo", acrecentou.

RC Deportivo: Lux, Juanfran (Jonás, min. 78), Arribas, Sidnei, Fernando Navarro, Cani (Fayçal, min. 67), Pedro Mosquera, Álex Bergantiños, Luisinho, Lucas e Jonathan Rodríguez (Laure, min. 73).
 
RC Celta: Sergio Álvarez, Hugo Mallo, Sergi Gómez, Fontás (Planas, min. 57), Jonny, Augusto Fernández, Wass, Tucu Hernández (Guidetti, min. 71), Orellana, Iago Aspas e Nolito.
 
Goles: 1-0 Lucas (min. 22); 2-0 Jonny, en propia meta (min. 93).
 
Árbitro: Álvarez Izquierdo (c. catalán). Amonestou Lucas (min. 22), Lux (min. 24), Tucu Hernández (min. 39), Pedro Mosquera (min. 52), Jonathan Rodríguez (min. 52), Luisinho (min. 70), Juanfran (min. 77), Jonny (min. 77) e Nolito (min. 83).
 
Incidencias: 30.666 espectadores.

Comentarios