Depor e Celta chegan á última xornada con opcións, mais Galiza perderá no mínimo unha praza na élite

Depor e Celta chegarán ao último acto do campionato con opcións de permanencia, se ben só a equipa coruñesa depende de si mesma. Non poderán safar os dous á vez e Galiza, en todo caso, vai perder representación na élite. .

estreleira
photo_camera estreleira

O Celta fixo os seus deberes en Valladolid (0-2) e atrapou 3 pontos que o voltan a colocar na loita pola permanencia. O Deportivo, en troca, desaproveitou unha oportunidade irrepetíbel na Rosaleda (3-1). De ter gaño este serán en Málaga, xa sería equipa de Primeira División, após a desfeita do Zaragoza en Sevilla perante o Betis (4-0).

A equipa viguesa superou con clareza, e en intensidade, ao Valladolid, que xa non se xogaba nada. O Deportivo, en cambio, careceu da tensión competitiva necesaria para gañar fóra de casa a unha das equipas que atesouran máis talento individual e colectivo do campionato. A escadra de Fernando cedeu goles en xogadas que retrataron a súa defensa e nomeadamente a un calamitoso Aythami.

Desta volta estreleiras si superaron os controis de seguranza no estadio do Valladolid

Galiza en todo caso verá reducida a súa presenza na Primeira División a próxima tempada. No mínimo, o noso país perderá unha praza na élite. O soño de que safen Deportivo e Celta esvaeuse hoxe ao gañar Osasuna no seu campo perante o Sevilla. 4 equipas chegan en perigo de descenso ao último acto -as dúas galegas, o Zaragoza e o Mallorca- e só unha poderá manterse na Primeira División.

O Deportivo está neste momento fóra de descenso, con 35 pontos, mas recebe á potente Real Sociedad, que aínda ten as súas hipóteses de xogar a Champions League. O Celta, aínda que non depende de si mesmo, ten a avantaxe de que lidará en Balaídos cunha equipa que en teoría non ten opción a nada e que xa está safa.

Apertadísimo final. Emocións fortes garantidas. E hoxe as estreleiras si que brillaron nas bancadas do José Zorrilla, como mostra a fotografía que ilustra esta crónica. Desta volta superaron os controis de seguranza no estadio vallisoletano.

Comentarios