FÚTBOL

O Dépor ata a Borja Bastón e agarda novas incorporacións

O club coruñés suma outro dianteiro pero está á espera de pechar o plantel con outro atacante máis veterano e quizais tamén un defensa e un home de banda.

Fernando Vázquez xa ten un dianteiro máis na que espera que non sexa a última incorporación do Deportivo na presente campaña. Á espera do recoñecemento médico, o equipo coruñés contará co dianteiro Borja Bastón para toda a campaña, nunha cesión do Atlético de Madrid por un ano a pesar de que un principio se comunicou que a intención da directiva era a de fichar ao xogador en propiedade. Pero as importantes limitacións económicas terían pechado esta opción, de feito o anuncio da chegada de Bastón -fillo do porteiro galego de idéntico nome- só se puido realizar após obter o visto e prace dos administradores concursais.

Borja é un dianteiro de 21 anos que disputou xa dúas tempadas en Segunda -Murcia e Huesca, onde marcou nove goles- e que no seu día foi unha das maiores promesas do fútbol estatal, truncada por unha grave lesión o día en que debutaba en Primeira co Atlético. Agora chega ao Dépor coa intención de seguir medrando.

Porén, a intención da directiva e do corpo técnico do Dépor é que de Borja non sexa a última incorporación dun plantel que se pechará cando vaian xa tres xornadas disputadas. Así, o desexo é sumar un dianteiro experimentado, que estaría chamado a ser o titular por diante de Borja e o galego Luís. Álex Geijo é o favorito para esa posición, pero segue sen pecharse o acordo nin co Udinese nin coa administración concursal e a LFP, que cren que o Deportivo xa podería ter alcanzado o seu teito de gasto, situación que seguramente se resolverá con rapidez, posto que o mercado de fichaxes pecha o día 2.

Ademais dun goleador de referencia, Vázquez espera poder incorporar un defensa central que supla a Aythami -fálase do veterano Marchena- e tamén un centrocampista de banda, no estilo do portugués Salomao, cuxo regreso a Riazor semella moi difícil.

Comentarios