A croata Antonia Ružić faise coa vitoria no Vigo Women Tennis Tour e Jéssica Bouzas cae en cuartos

A croata impúxose con moita claridade á xogadora escocesa Anna Brogan nunha final pouco representativa do que foi o campionato
A galega Jéssica Bouzas e a croata Antonia Ružić (Foto: Nós Diario).
photo_camera A galega Jéssica Bouzas e a croata Antonia Ružić (Foto: Nós Diario).

Vigo foi durante a última semana a capital galega do tenis. Algunhas das mellores tenistas do mundo déronse cita na cidade olívica nun torneo que foi altamente entretido e que finalizou na fin de semana coa victoria da xogadora natural de Croacia, Antonia Ružić.

A croata impúxose con moita claridade á xogadora escocesa Anna Brogan nunha final pouco representativa do que foi o campionato. Desde o primeiro momento, Ružić dominou en todas as facetas do xogo vencendo en dous sets Brogan cun resultado final de 6-1 / 6-1.

Sobre o papel esperábase un partido máis igualado, sendo que Brogan fixera un gran torneo durante toda a semana vencendo algunhas xogadoras de moi alto nivel como Nefisa Berberovic, natural de Bosnia e Hercegovina ou a galega Jéssica Bouzas

Bouzas, derrotada en cuartos

A que era a única representante galega no torneo (após a derota en primeira ronda da viguesa Uxía Martínez), Jéssica Bouzas, caeu derrotada en cuartos de final, como xa se mencionou, contra a eventual finalista Anna Brogan.

O partido en que, Jéssica Bouzas foi derrotada, foi un dos máis entretidos de todo o torneo. O partido comezou moi igualado, impoñéndose finalmente a xogadora escocesa por 6-4 após unha desafortunada rotura do saque da arousá. Con todo, iso non foi impedimento para que a galega sacase o seu mellor xogo e gañase o segundo set (6-2) dunha maneira realmente convincente, dominando en practicamente todas as facetas do xogo. 

Co partido completamente aberto para ambas as xogadoras, deu comezo o terceiro e decisivo set. A arousá tivo un tropezo nos primeiros compases do set cedendo unha rotura do seu saque ante a natural de Glasgow o que condicionou os xogos restantes do set. Despois dun amago de remontada, Bouzas caeu finalmente derrotada no último set por 6-3 acabando así con todas as esperanzas dunha vitoria na galega no Vigo Women Tennis Tour.

12 edicións do campionato

Este torneo, que fixo este ano 12 edicións desde que a Federación Galega de Tenis o pasase a organizar por primeirra vez en 2002 (houbo unha parada de 2012 a 2020) chegou este ano con máis forza do que nunca.

A croata Antonia Ružić escribiu o seu nome nos libros de historia ao unirse a outras históricas gañadoras do torneo como Frederica Piedade, Georgie Stoop ou Olivia Gadecki.

Comentarios