As crianzas protagonizan o deporte estival

Coa fin das competicións sénior, os nenos e nenas ganan protagonismo
O Campus de Verán da Fundación Celta arranca neste mes de xuño e achegará o deporte rei a 16 localidade diferentes da Galiza.  (Foto: Campus de Verán Fundación Celta).
photo_camera O Campus de Verán da Fundación Celta arranca neste mes de xuño e achegará o deporte rei a 16 localidade diferentes da Galiza. (Foto: Campus de Verán Fundación Celta).

Xuño é o mes no que as competicións oficiais nos deportes de equipo nas categorías sénior ou absolutas adoitan chegar á súa fin, collendo a remuda á vangarda do deporte unhas crianzas que por milleiros se lanzan a familiarizarse coas distintas disciplinas nos campus, campamentos ou escolas de verán que inzan o país.

Fútbol, atletismo, fútbol sala, baloncesto... desde institucións públicas como Concellos até os principais equipos e entidades deportivas da Galiza promoven actividades formativas cos nenos e nenas como público obxectivo, que en 2023 se multiplican unha vez que quedaron definitivamente atrás a pandemia e as súas restricións.

Os pais e nais realizan non poucas veces un considerábel esforzo económico para que os seus descendentes poidan acudir a estas citas, como dan fe os prezos estabelecidos para asistir ao Campus de Verán da Fundación Celta, que pode alcanzar os 430 euros por unha semana de internado, baixando até os 137 se non se inclúe a hospedaxe.

Non moito máis económico é o Deporcampus, que o conxunto herculino desenvolverá en 16 localidades distintas a un prezo de 125 euros por cinco días de formación e adestramentos.

Fóra do fútbol, o Baloncesto Obradoiro levará a cabo nos concellos de Oroso -entre o 3 e o 7 de xullo- e Boiro -do 26 ao 30 de xuño- unha nova edición do seu campus. Alí, mozos e mozas dos 6 aos 18 anos terán a oportunidade -previo pago de 135 euros, que ascenden a 235 coa comida e o transporte- de "vivir unha experiencia única", como destacou o seu director, Camilo Riveiro.

Mesmo unha disciplina das consideradas "individuais" como é o atletismo únese a este boom, pois a Sociedade Ximnástica de Pontevedra (SXP) organizará ao longo de todo o mes de xullo -concretamente dos días 3 ao 27, ambos incluídos- a súa xa tradicional Escola de Verán. Dirixida a crianzas de entre 7 e 14 anos "que queiran gozar do atletismo e experimentas as súas diversas disciplinas de carreiras, saltos e lanzamentos", a cambio de 50 euros a SXP ofrece "a posibilidade de iniciarse ou continuar coa súa práctica nas vacacións" nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Actividades fóra do 'mainstream'

O auxe dos campamentos e escolas de verán con carácter deportivo non se limita ás disciplinas máis populares, como o fútbol, o baloncesto ou o atletismo.

Por exemplo, a Escola Balonmán Xiria promove nas instalacións do CEIP Fogar de Carballo un histórico campus que no 2023 alcanzará a súa trixésimo edición. Nesta ocasión, a entidade bergantiñá promove "un ocio activo e saudábel" que ademais de, como é lóxico, balonmán, inclúe "obradoiros, manualidades, xogos e festas temáticas" de segundas a sextas todas as semanas entre o 1 de xullo e o 31 de agosto por uns prezos que van dos 90 euros por medio mes até os 240 polos dous meses.

Cambiando o balonmán polo voleibol, xa están abertas as inscricións para o campamento que a Federación Galega organiza en Quiroga cos técnicos do organismo do 16 ao 30 de xullo para xogadores e xogadoras dos 12 aos 15 anos, variando o seu custo dos 425 aos 750 euros.

Ademais, e xa no eido do fútbol sala, o Burela convida ao seu da súa Escola Deportiva a crianzas entre 7 e 17 anos, que terán unha xornada de portas abertas do 12   ao 22 do presente mes de xuño.

Comentarios