O Corgo acollerá o Campionato Galego Feminino de Bola 9 e Bola 10

A proba está programada os días 20 e 21 de abril.
Efrén Castro (centro), durante a presentación do certame. (Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo).
photo_camera Efrén Castro (centro), durante a presentación do certame. (Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo).

A terceira edición do Campionato Galego Feminino de Billar Bola 9 e Bola 10, organizado no Concello do Corgo polo Club de Billar Adai co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, desenvolverase entre os días sábado 20 e domingo 21 de abril na antiga escola da parroquia de Adai.

Segundo confirmaron desde a organización do torneo, este contará coa participación "dunha vintena de xogadoras de todo o país", que competirán durante toda a fin de semana polas primeiras prazas, que clasifican directamente para os campionatos estatais en cada unha das dúas modalidades en liza e entre as que destaca a participación da vixente campioa, Mayte Romero, que tratará de defender o seu título.

Pola súa parte, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, con Efrén Castro á fronte, puxo en valor o feito de que o Club de Billar de Adai sexa "un referente da Galiza na promoción do billar feminino", engadindo ademais que este torneo, que disputou a súa primeira edición no ano 2021, continuará facendo da zona "un punto de encontro para adestrar, xogar, competir ao máximo nivel e promover o interese e a afección feminina ao billar"

Neste sentido, Castro felicitou a directiva do club "polo labor que veñen desenvolvendo a prol do deporte feminino", co engadido de amosar "que tamén desde o rural se poden organizar eventos de primeiro nivel". Ademais, destacou a importancia de contar na provincia de Lugo "cun club de referencia e capaz de formar as novas xeracións en deportes de precisión".

Remata o prazo das axudas a entidades deportivas

Sen deixar a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, esta lembra que hoxe remata o prazo para solicitar as axudas ás distintas entidades deportivas. 

Comentarios