Daniel Román sorprende gañando o Absoluto de Billar Pool 8 en Cangas

Coincidindo co trinta aniversario da Asociación Galega de Pool (AGP) tivo lugar en Cangas o 30º Campionato Galego deste deporte. Unha das sorpresas foi a vitoria, sen estar entre os oito favoritos, de Daniel Román.
Podio da final absoluta masculina de Pool 8 do Campionato Galego (Foto: Asociación Galega de Pool).
photo_camera Podio da final absoluta masculina de Pool 8 do Campionato Galego. (Foto: Asociación Galega de Pool)

A Asociación Galega de Pool (AGP) cumpre 30 anos promovendo o deporte do billar que se xoga nunha mesa con seis petos ao longo dos carrís, nos que se depositan as bólas. Tamén son trinta tempadas nas que esta práctica foi a máis e isto notouse no 30º Campionato Galego de Pool que rematou en Cangas este domingo.

Máis de 1.000 persoas déronse cita no pavillón de Rodeira durante dúas fins de semana con ansia de demostrar o seu potencial. A sorpresa veu no gañador do campionato absoluto que levou Daniel Román (Vigo) por primeira vez e sen estar entre os oito favoritos antes de comezar o torneo. 

A clasificación final

As finais deste campionato tiveron moitas e moitos protagonistas. O absoluto feminino foi para Verónica González (Ourense); o individual 2ª categoría para Emilio Rego (Xove); o Individual 3ª categoría recaeu en Brais Penela (Vigo); e o Individual 4ª categoría gañouno Borja Núñez (Vigo). 

No apartado por equipos na 1ª categoría foron mellores Barileza Mas Madera (Dena); na 2ª categoría o Maui Praia América Team (Nigrán); na 3ª categoría Mas Madera Hey (Cangas); na 4ª categoría, La Bola Los Vándalos (A Coruña); e na 5ª categoría Israel Salgado e Francisco Salgado (Vigo). No apartado de Parellas, na  1ª categoría, Óscar Campos e Adolfo Crispín (Ourense) e na 2ª categoría José Eduardo Carballal Hugo Monteagudo (Pontevedra).

Por último, na Sénior 1ª categoría Ángel Nogueira (Vilagarcía); na Sénior 2º categoría gañou Lino Iglesias (Vigo); na 3º categoría, Brais Penela (Vigo); na Júnior, Alejandro Carrión (A Coruña); e na Xuvenil,  o campión desta vez foi Xián Becerra (Ordes). 

Medrando como deporte desde a humildade

Cada ano aumenta o interese pola práctica do billar Pool a nivel competición mais o seu inicio partiu de cero aínda que era moi coñecido pola súa popularidade e presenza en locais de hostalaría. O director deportivo da AGP, Óscar Outeda, lembra eses inicios. “Ao billar xogamos todos, o gran cambio foi dar o paso de ser un xogo recreativo a ser un deporte”, explica a Nós Diario.

O primeiro paso consistiu en traer as normas internacionais de Bóla 8, “algo que chocou moito á xente ao principio”, sinala. Foi en bares e cafetarías onde se crearon os primeiros clubs que hoxe en día xa dispoñen de instalacións propias. "Tiñan lugar ás quintas feiras pola noite e formaban equipos as mesmas persoas que se reunían", relata Outeda. Nacían, desta maneira, as ligas.

A progresión foi imparábel. No primeiro campionato galego participaron 16 deportistas e neste último, entre os seis días, pasaron máis de mil. “Nestas tres décadas conseguimos campións da Galiza, de España e do Mundo”, asegura.

Pon como exemplo un dos cinco mellores xogadores mundiais a nivel profesional, David Alcaide, que malia nacer en Málaga estivo durante cinco anos competindo na Galiza “e non foi nunca capaz de quedar campión galego”. Entre os nomes que salienta nos últimos anos pon os exemplos de Héctor del Amo, Alicia Álvarez ou Carolina Somoza

Este mesmo mes, os días 18 e 19 de setembro, reuniranse nas instalacións de Teo e Vigo algunhas das mellores figuras galegas no Campionato Galego de Billar Pool 9. "Nel só estarán as e os mellores e subirá máis o nivel", indica o director deportivo da AGP.

Comentarios