A Copa Mörling volve á ría de Arousa

A Copa Mörling de dornas a vela chega este sábado á Illa de Arousa. Nela participará o fillo do etnólogo e antropólogo sueco, Staffan Mörling, ao que está dedicada. Ademais, esta segunda edición medra e incorpora unha nova regata que decorrerá en Bouzas, Vigo, o vindeiro 9 de setembro.
As embarcacións tradicionais estiveron en Cambados o pasado 1 de xullo (Foto: Culturmar).
photo_camera As embarcacións tradicionais estiveron en Cambados o pasado 1 de xullo. (Foto: Culturmar)

Este sábado a ‘Copa Mörling’ de dornas a vela chegará de novo á ría de Arousa e terá como escenario a Illa de Arousa (O Salnés) na que será a terceira regata desta competición organizada pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) este ano. A proba forma parte da segunda edición que comezou en Portonovo, o 17 de xuño, e continuou en Cambados, o 1 de xullo, cunha clara gañadora en ambas as dúas: Pereka, da Illa de Arousa. A embarcación tamén foi a gañadora da edición pasada e semella ser a clara favorita para revalidar o título nesta.  

O presidente de Culturmar, Xosé Luís Sacau, explica a Nós Diario que a iniciativa buscou xa o ano pasado “reeditar a Copa Galiza de dornas a vela que se facía nos 90”. Co éxito do ano pasado, onde participaron máis de corenta embarcacións, conseguiuse “un impacto mediático importante, facendo visíbel a embarcación tradicional desde unha perspectiva máis lúdica”. 

Sacau explica que este 2023 se melloraron algúns aspectos relacionados coa seguridade das probas, así como coa formalización do proceso de inscrición das embarcacións.

Desta maneira, agora hai unha inscrición xeral para aquelas dornas que queiran participar en todas as probas para puntuar e optar aos premios. Mais tamén, afirma, “favorecemos que haxa quen queira participar non de forma competitiva nalgunha regata”.

Novidades

Sacau sinala que nesta edición, como novidade, súmase a regata de Bouzas (Vigo). Ademais, contará na proba da Illa coa presenza de Lorenzo Mörling, fillo do antropólogo sueco ao que esta Copa rende homenaxe. 

Na cita do sábado participarán máis de trinta dornas e volverá lembrar a José Manuel García Parada, un dos fundadores da Escola de Navegación Tradicional Dorna da Illa (ENT), que morreu en 2021.

Como en 2022, a entidade recuperará ‘Triángulo do Cantiño’, unha competición que se realizaba nos anos noventa na Illa e que deixou de facerse durante máis dunha década.  Está previsto que a regata teña saída desde a Punta do Campelo e se navegue cara o Seixo.

Despois, a Copa viaxará até O Grove (O Salnés) o 22 de xullo (XXXIV Regata dos Faros), Combarro (en Poio, comarca de Pontevedra) o 26 de agosto (II Regata da Reiboa) para rematar en Bouzas o 9 de setembro.

Comentarios