As dornas competirán de novo polas rías galegas

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) recupera a ‘Copa Galiza' coa lembranza do etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling. 
Encontro de Embarcacións Tradicionais da Galiza na Guarda (Foto: Culturmar/Arquivo).
photo_camera Encontro de Embarcacións Tradicionais da Galiza na Guarda (Foto: Culturmar/Arquivo).

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) decidiu retomar a extinta 'Copa Galiza de dornas a vela', rebautizándoa co nome de 'Copa Mörling', como mostra de agradecemento a todo o labor realizado a prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas polo etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling.

Para esta organización "non hai mellor forma de homenaxear a figura deste bueuense de adopción que fomentando a exhibición de saberes de navegación tradicional e de embarcacións que supoñen as regatas de dornas a vela". 

A competición consistirá en cinco regatas que terán lugar entre os meses de xullo e agosto nas vilas de Portonovo, Sanxenxo (18 de xuño), Cambados (2 de xullo), O Grove (30 de xullo), A Illa de Arousa (6 de agosto) e Combarro, Poio (27 de agosto).

As probas serán de, aproximadamente, dúas horas de duración e terán lugar os sábados pola tarde, excepto a de Combarro, que será pola mañá. 

Na procura de maior difusión das dornas

As regatas de dornas a vela son unha demostración de saberes tradicionais que forman parte do rico patrimonio inmaterial que supón a navegación tradicional con vela de relinga. Co obxectivo de promover e estimular a participación neste tipo de eventos, Culturmar conseguiu unificar catro regatas de dornas a vela que xa existían na Galiza (Portonovo, Cambados, O Grove e A Illa de Arousa) e engadir unha en Combarro para crear a 'Copa Mörling'

A organización deste evento persegue, sobre todo, conseguir unha maior difusión entre o público xeral das dornas como patrimonio material e da súa maneira de navegar como patrimonio inmaterial, así como dar a coñecer para que se empregaban estas embarcacións profesionalmente e en que contexto xorden estas competicións informais.

"A finalidade última é a convivencia e a cooperación entre embarcacións e colectivos de diferentes partes da Galiza", sinalaba o presidente de Culturmar, Xosé Luis Sacau na presentación do evento.

Na organización das regatas participan a Asociación A Torre de Cambados, A Reiboa de Combarro, a Asociación Amigos da Dorna de Portonovo, a Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa e a Dorna Meca do Grove.

Comentarios