A Copa Deputación de Lugo reunirá máis de 80 equipos

O torneo botará a andar o próximo 7 de xaneiro.
IMG_3Efrén Castro (á esquerda), durante a presentación da competición. (Foto: vicepresidencia - Deputación de Lugo).
photo_camera IMG_3Efrén Castro (á esquerda), durante a presentación da competición. (Foto: vicepresidencia - Deputación de Lugo).

Volve a Copa Deputación de Lugo de Fútbol, un torneo patrocinado pola Vicepresidencia do ente provincial no que participarán 88 equipos da Primeira e a Segunda División na súa modalidade feminina, e da Preferente Galiza, Primeira, Segunda e Terceira Rexional na masculina.

A competición, que comezará o 7 de xaneiro, ofrecerá aos conxuntos a posibilidade de formar parte dun evento "con alicientes competitivos diferentes aos das ligas", ao  tempo que supón "unha inxección económica para os clubs, xa que por cada eliminatoria xogada recibirán entre 385 e 600 euros, xunto cunha contía adicional para aqueles que consigan rematar nunha das dúas primeiras prazas que será de 5.000 euros para o campión e de 3.000 para o segundo clasificado.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, sinalou no acto de presentación que "o patrocinio desta proba responde a un compromiso co tecido deportivo, ao que se ofrece apoio económico con distintas liñas de axuda e tamén oportunidades para competir e seguir formando xogadoras e xogadores".

A maiores, lembrou que "ao longo do ano se organizan tamén competicións noutras disciplinas como o baloncesto, o atletismo ou o piragüismo con ese mesmo obxectivo".

Castro valorou tamén como algo moi positivo "a contribución destes torneos á dinamización das localidades que acollen os encontros, xa que o fútbol é un deporte que conta con moitas persoas afeccionadas".

Comentarios