O Concello de Pontevedra apoiará o 'Plan Dous Millóns' do Clúster do Deporte

A meta é que en 2030 fagan deporte 750.000 persoas máis que hoxe.
O alcalde de Pontevedra, coa aolímpica Sofía Toro e outros representantes do Clúster. (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera O alcalde de Pontevedra, coa aolímpica Sofía Toro e outros representantes do Clúster. (Foto: Concello de Pontevedra).

Pontevedra foi a sede escollida para acoller unha xuntanza entre o seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e os e as representantes do Clúster Galego da Industria do Deporte e do Benestar, colectivo que integra máis de 80 empresas do sector de todo o país.

"Trátase dunha agrupación que quere poñer en común todo o que vén a ser a actividade deportiva, a saúde, o tempo libre e a idea do deporte para todos e todas", segundo indicou o rexedor, que explicou que o seu obxectivo é "ser unha voz autorizada para falar no nome de diferentes empresas, ser un axente representativo da industria deportiva galega, e funcionar como interlocutores válidos con todas as Administracións".

Dentro dos seus proxectos destaca o Plan Dous Millóns, un reto colectivo para a Galiza no que se fixan pasar dos 1.238.987 actuais practicantes de actividade física no 2023 aos 2.000.000 de practicantes no ano 2030. "Esa meta perécenos moi interesante, polo que quedamos en estudar todas as vías de colaboración con eles", afirmou Lores.

Desde o Concello de Pontevedra comprometéronse a apoiar este Plan Dous Millóns a través dun protocolo, coa idea de empurrar esta iniciativa até a Xunta da Galiza coa finalidade de "fomentar e promover a actividade física en todo o país".

"Non se lle escapa a ninguén a cantidade de beneficios que achega ás nosas vidas o deporte, polo que sempre estaremos apoiando e promovendo iniciativas desde tipo", salientou o alcalde,  que ampliou as súas verbas resaltando que "é sabido o impacto económico, social e de saúde que o deporte deixa na cidade, que ao estar pensada para as persoas favorece a práctica deportiva a todos os niveis".

A Boa Vila baixa o pano do CX e xa pensa no Europeo

Sen deixar a actualidade da Boa Vila, pero centrando o foco sobre o deporte das dúas rodas, o ciclismo, Pontevedra xa pensa no Campionato de Europa de Ciclocross que acollerá no ano 2024 logo de que a pasada fin de semana acollese unha nova edición do seu Gran Premio de CX, que nesta ocasión formou parte do calendario da Copa de España e que serviu de ensaio xeral para o Campionato Europeo.

Na categoría raíña, a Elite-Sub/23, a mellor da modalidade feminina foi Laura Verdonschot, que estivo acompañada no podio por Lucía Blanco e Sofía Rodríguez, un resultado que permite á galega Laura Mira subir ao máis alto da xeral Sub-23. Entre os homes, o número '1' foi Kevin Suárez, que superou o vixente campión, Felipe Orts. 

Comentarios