Dépor-Leganés: 1-0

Con este Çolak todo é máis doado

O Dépor ofereceu a súa mellor versión e cazou tres pontos vitais para manter a figura no momento en que o calendario depara os compromisos máis exixentes -a visita ao Camp Nou e o noso derbi no horizonte.

depor 2
photo_camera Lucas Pérez bica Adrián, o autor do gol do triunfo deportivista

Este Çolak non pode estar nen un minuto sentado na banqueta. O problema é que este Çolak non sempre é o que comparece no campo. Se o fixese, sería un dos futebolistas estrelas da liga e o Deportivo desde logo estaría máis próximo da zona europea do que das beiras do averno.

Talvez Çolak decidiu emerxer como o enorme futebolista que é xusto no momento en que Cristóbal Parralo adoptou a arriscada decisión de lle conceder o leme da equipa e, consecuentemente, deixar no banco dos suplentes Fede Valverde, incuestionábel no once titular desde a xornada quinta. Non era calquera momento. Após a vitoria do Alavés face o Las Palmas (2-0), o compromiso co Leganés era o típico duelo de todo ou nada. E Çolak apostou a todo.

Mais o futebol, xa o sabemos, é un deporte asociacion, e parte do segredo deste novo Çolak ten a ver con quen foron os seus interlocutores sobre o relvado: dous talentos puros, dous espíritos libres que ecucionan este deporte coas mesmas chaves que o turco. O trío Çolak-Carles Gil-Adrián desarbolou por completo a ordenada escadra madrileña -unha equipa muito difícil de bater, con apenas 13 goles en contra en 14 partidos.

O resultado non di o que foi o partido -a vantaxe debería ter sido maior para o Dépor, ese balón de fantasía de Gil a bater contra o estremo da trabe- mais deixa un dado en absoluto desprezábel: Rubén, o gardamallas de Coristanco, foi un espectador máis no estadio de Riazor.

Visto o visto, a pergunta a formular agora é: este Çolak será quen de ser así no que resta de campionato? Se é quen, mel nas filloas.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Sidnei, Schär, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Carles Gil (Fede Valverde, min. 87), Emre Çolak (Pedro Mosquera, min. 90+4), Adrián (Bakkali, min. 83) e Lucas.

CD Leganés: Cuéllar, Tito, Bustinza, Raúl García, Diego Rico, Rubén Pérez (Gumbau, min. 46), El Zhar (José Naranjo, min. 69), Eraso, Gabriel, Szymanowski (Amrabat, min. 53) e Beauvue.

Gol: 1-0 Adrián (min. 24).

Árbitro: Melero López (c. andaluz). Cartóns amarelos a Schär (min. 27), Rubén Pérez (min. 39), Borges (min. 48), Guilherme (min. 53), Gumbau (min. 61), Beauvue (min. 89), Gabriel (min. 90) e Fernando Navarro (min. 90+3).

Incidencias: partido da 15ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.447 espectadores.

Comentarios