O COB Ourense xógase o primeiro posto da LEB prata ante Cantabria

Primeiro e segundo chocan a dúas xornadas do final
Guillermo Arenas, preparador do COB Ourense, dando instrucións aos seus homes (Foto: COB Ourense).
photo_camera Guillermo Arenas, preparador do COB Ourense, dando instrucións aos seus homes (Foto: COB Ourense).

O Club Ourense Baloncesto disputa hoxe (19 horas, Pazo dos Deportes Paco Paz) unha final anticipada cando quedan só dous partidos para o remate da fase regular da LEB Prata, a terceira categoría a nivel estatal.

Segundo clasificado, a escuadra ourensá recibe Grupo Alega Cantabria, líder, con quen está empatado a 17 triunfos logo de que a pasada fin de semana os galegos gañasen e os cántabros perdesen contra prognóstico ante Aquimisa Carbajosa Empresarial, antepenúltimo clasificado.

O técnico do COB, Guillermo Arenas, analizou este complicado escenario antes do feche da liga regular na rolda de prensa previa ao partido, e comezou laiándose dos poucos adestramentos que tivo para preparar o partido: "Só dous días nada máis, pero é o que toca cando xogas entre semana. Tentaremos meter cousas, algunhas ideas, pero tendo en conta que cando non tes demasiado tempo é preferíbel meter poucas ideas , pero que queden claras".

Coas dúbidas de Brano e Darius, pero motivados tras a recente vitoria en Marbella, Arenas considera que, mentalmente, foi positivo "sacar adiante o partido sen dous xogadores que achegan moitos puntos".

"Demostrouse que somos un equipo que loita e que, aínda que teñamos baixas, competimos e gañamos os partidos. Isto tennos que axudar, porque, para hoxe, temos que ver como evolucionaron as molestias dos dous e debemos demostrar de novo que somos un conxunto que se sobrepón aos problemas", engadiu.

Sobre o partido de hoxe, o preparador da formación da cidade das Burgas considerou que o publico asistirá a "unha batalla" na que os seus homes terán "que pelexar".

"Ambos os equipos queremos levar a loita ao noso lado, porque eles teñen interiores máis versátiles, e aí será onde nós teremos máis dificultades", concluíu Guillermo Arenas.

Comentarios