A ACB exclúe o COB da Liga Endesa

A Asociación de Clubes de Baloncesto, entidade que organiza a máxima competición estatal deste deporte, decidiu en asemblea xeral excluír o Club Ourense Baloncesto (COB) da Liga Endesa para a vindeira tempada, a 2015-2016. 

[Imaxe: COB]
photo_camera [Imaxe: COB]

Finalmente, confirmáronse os peores prognósticos e o Club Ourense Baloncesto (COB) non participará na Liga Endesa, máxima competición estatal de baloncesto, malia presentar o club toda a documentación requirida pola Asociación de Clubes de Baloncesto para a súa afiliación e malia facer efectivo o canon correspondente para se inscribir na competición.

A propia ACB recoñece nun comunicado o “intenso traballo desenvolvido polos directivos” do COB, mais este labor, ao seu xuízo, non é suficiente para permitir o acceso do club de Ourense á Liga Endesa. No documento, a entidade que organiza a Liga Endesa sinala que o COB presentou “a documentación requirida para a afiliación” e efectuou “o ingreso correspondente para a súa inscrición”, mais expón que non superou “satisfactoriamente” a auditoría económica necesaria para o acceso á ACB, cuxo prazo definitivo rematou o pasado martes, 30 de xuño de 2015.

O COB esgotará todas as vías para cambiar a decisión da ACB

Pola súa banda, o COB vén de anunciar que esgotará todas as vías ao seu alcance, mesmo a legal, para forzar un cambio de posicionamento da Asemblea de clubs de baloncesto estatal ao considerar a exclusión “totalmente inxusta”. Porén, o COB traballou con intensidade durante todo o serán de onte para formalizar a súa inscrición na segunda categoría, a LEB Ouro, co fin de garantir a súa presenza nesta competición no caso de que non prosperasen os recursos presentados.

O COB non é o único equipo da LEB Ouro que ve como o ascenso logrado na canchas é truncado nos despachos. Tamén o Tizona Burgos –que rematou a competición regular da LEB Ouro na primeira posición- foi excluído. Neste caso, o club castelán non presentou a totalidade da documentación requirida e apenas aboou unha pequena parte –pouco máis de 150.000 euros- do canon que dá ascenso á máxima categoría. Así, a ACB substitúe os dous equipos da LEB Ouro que conseguiron ascender deportivamente por dous conxuntos que descenderon esta temporada, o Baloncesto Fuenlabrada e mais o Guipuzkoa Basket.

Comentarios