O Club Balonmano Porriño aplica o enxeño ante o coronavirus

O equipo realiza sesións de adestramentos online nas que combina o traballo físico coa diversión familiar entre as súas xogadoras das diferentes categorías.
WhatsApp Image 2020-03-22 at 19.34.07
photo_camera Estampa da sesión de adestramento online do Porriño (Foto: Nós Diario).

Por mor da situación que debido á pandemia do coronavirus está vivindo boa parte do mundo, no Estado español decretouse a paralización de todo tipo de actividades e eventos deportivos.

A pesar diso, o Club Balonmano Porriño decidiu continuar cos seus adestramentos, mais dunha forma moi peculiar: a través da Internet. A iniciativa foi desenvolvida por Ana Alonso (preparadora física do club), Ismael Martínez e Gerardo Carrera, que a través da plataforma Zoom conseguiron reunir a algúns dos equipos femininos para continuar co traballo físico nunha serie de actividades para facer na casa e que tiveron lugar ao longo de toda esta semana.

Mais como o aburrimento comezaba a estenderse entre as deportistas, o clube decidiu rachar coa rutina e realizar unha sesión de adestramento na que se reuniron xogadoras desde a categoría de cadetes até a de División de Honra xunto cos seus familiares. Ana Alonso explica que o obxectivo era "mudar a dinámica e facer algo diferente, para conseguir que a xente rise un pouco e desconectase do que se está vivindo estes días".

A sesión foi conducida polo técnico deportivo e adestrador persoal Iván Espejo, quen afirma sentir "paixón" por impartir clases colectivas, algo que vén desenvolvendo desde hai moitos anos. Ademais, revela que durante a mesma fixeron "traballo cardiovascular a través do baile" durante unha hora de forma ininterrompida. 

Sobre a experiencia de adestrar de forma online, o preparador sinala que a experiencia non lle supuxo "ningún esforzo engadido", xa que leva practicamente desde o inicio da crise da COVID-19 subindo adestramentos e coreografías ao seu perfil na rede social Instagram. 

Comentarios